DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un salón de actos ateigado acolleu o acto de graduación

A nova promoción de Tradución e Interpretación gradúase reivindicando unha profesión “indispensable”

No seu adeus ás aulas lembraron a súa capacitación para loitar en tempos de crise

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/06/2011

O salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución ateigado entre alumnado, familias e profesorado despediu unha nova promoción de Tradución e Interpretación nun acto de ledicia pero tamén de reivindicación dunha profesión indispensable para o desenvolvemento de outras como os avogados, enxeñeiros ou médicos “que sen nós, os tradutores e tradutoras, non serían nada”. Así, tanto os novos egresados como os seus docentes quixeron poñer en valor unha titulación pouco visible, “porque somos bos profesionais cando non se nos ve, é entón cando sabemos que estamos facendo un bo traballo”, explicaba o padriño, Fernando Moreiras.

Entre a intranquilidade dun futuro incerto en tempos de crise e a ledicia de rematar unha etapa, esta nova promoción despediuse da vida académica para comezar “a voar sos”, como apuntaba o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que se amosaba convencido “da vosa plena independencia competencial”. Con todo, moitos deles completarán a súa formación con mestrados ou bolsas, pero o certo, como explica o director do Departamento de Tradución e Lingüística, Luis Alonso Bacigalupe, "agora é cando observamos o froito do traballo pero é tamén o momento no que se acaban os xogos, agora comeza un mundo de verdade para o que estamos convencidos de que estades preparados".

Así, os docentes que compartiron os últimos cinco anos con esta promoción animáronnos a lembrar con orgullo de onde proceden, “a gardar os bos recordos e a presumir de Universidade”. A decana do centro, Rosa Pérez desexoulles o mellor para o futuro, “un futuro no que teñades o que vós queirades ter” convencidos da súa capacitación para atopar “oportunidades en tempos complicados coma estes”, en palabras do padriño.

A decana aproveitou tamén o acto para felicitar ao Coro Universitario, que actuou na graduación, polo 25 aniversario que celebran neste 2011.

Un futuro de oportunidades

O profesor Xoan Montero foi o encargado da última lección para esta nova promoción e lembroulles que a de tradutores e tradutoras é “unhas das profesións máis gratificantes que hai”. Son moitos os campos que se abren ante estes novos profesionais máis aló da tradución e a interpretación, “como o ensino, as relacións internacionais ou a atención ao público” explicáballes o padriño, Fernando Moreiras, “porque sodes profesionais dos idiomas, pero dos de verdade, non como recollen os currículos da maioría”. Lembroulles tamén o padriño que, ante a crise, a súa situación ten certa vantaxe, “porque o paro afecta sobre todo a persoas non cualificadas nin especializadas, e vós tedes unha formación superior que vos respalda”.

Optimistas foron tamén as representantes do alumnado que, tras lembrar o moito que deixan atrás despois de cinco anos, miraron cara adiante para concluír que “o paro é un número nun mundo cheo de letras”.

A reivindicación da profesión foi tamén a reivindicación da titulación de Tradución e Interpretación, unha das máis demandadas da Universidade de Vigo e das primeiras en cubrir a matrícula nas catro combinacións que ofrece (español-inglés, español-francés, galego-inglés e galego-francés), superando así o total de prazas, 120 para primeiro curso.