DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa finalidade de “construír unha proposta integradora e ilusionante”

Nova Universidade abre a porta ao intercambio de opinións cun blog

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/10/2009

Unha páxina principal e apartados como Opinión, Encontros, Currículo Profesional ou Persoal, conforman o blog que o candidato a reitor de Nova Universidade, Jaime Cabeza pretende que “sexa unha posibilidade de intercambio de información e opinión con terceiras persoas e tamén adversarias ás nosas visións programáticas”. O blog que Nova Universidade sumará a outras redes sociais como Facebook, onde xa teñen un perfil, incluirá segundo Cabeza “opinións de debate sobre a Universidade de Vigo, pero tamén a galega e a española en xeral, no que toda a universidade se sinta ceibe para poñer o que pensa, para que entre todos construamos unha proposta integradora e ilusionante”.
Nunha comparecencia celebrada na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, o candidato a reitor xustificou na súa condición de catedrático do Dereito de Traballo a importancia que no blog ten o aspecto profesional da Universidade de Vigo. “Levamos catro anos moi malos no eido profesional e desde a miña especialización quero aportar ideas”, asegurou Cabeza que reivindicou a utilización das potencialidades da institución e asegurou sentirse cunha dose de ilusión moi forte e “con gañas de cambiar a Universidade”.

Liñas programáticas e melloras necesarias

O candidato de Nova Universidade que incidiu na importancia de en tempos de crise económica traballar unidos na mellora da Universidade de Vigo, enumerou os eixes básicos do programa electoral da formación que lidera: a importancia das persoas, a humildade no recoñecemento das potencialidades da institución e a recuperación da súa presenza social.
Cabeza que demandou unha maior complicidade entre os tres reitores e asegurou que “dá mágoa que o goberno da Xunta xogue un papel arbitral ante a falta de complicidade das tres universidades”, criticou a improvisación coa que desde o seu punto de vista está a facerse o proceso de transformación ao EEES. Por iso o candidato de Nova Universidade demandou unha mellor explicación do proxecto europeo ao PDI e ao estudantado.