DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza e Enrique Barreiro valoran en rolda de prensa o primeiro ano do actual goberno da Unive

Nova Universidade advirte da perda de autonomía do campus

Denuncian que o borrador de decreto de ensinanzas universitarias afectaría a 5 titulacións en Ourens

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 12/07/2011
En calquera goberno cando se cumpre o primeiro ano de mandato sempre é tempo de facer balances, tanto desde o punto de vista interno como externo. É o caso da Universidade de Vigo, onde nestas datas se cumpre un ano de goberno do equipo encabezado por Salustiano Mato. Para facer balance deste período nos temas que afectan ao campus de Ourense, Nova Universidade celebrou este martes unha rolda de prensa coa participación de Jaime Cabeza, o seu coordinador, e Enrique Barreiro, o seu responsable no campus. Entre os temas abordados, a perda de autonomía do campus e o borrador do decreto de ensinanzas unviersitarias.

Durante a súa intervención Jaime Cabeza asegurou que “o incumprimento máis evidente” das promesas do actual goberno no campus de Ourense foi o da descentralización ou desconcentración. “Hoxe o campus de Ourense depende moito máis de Vigo que o ano pasado”, advertiu. Como exemplo apuntou o tema da planificación de infraestruturas, “que antes dependía exclusivamente do campus e que agora pasa a depender novamente da Vicerreitoría de Planificación”. Neste eido, Cabeza tamén salientou que a dotación para o mantemento de infraestruturas caeu en Ourense un 49% cando no conxunto da Universidade o fixo nun 26%.

Consello de Campus

Desde esta formación tamén criticaron o “desinterese do equipo de goberno nos órganos colexiados do campus, nomeadamente o Consello de Campus”. Neste senso fixeron fincapé en que no que vai de ano só se reuniu unha vez de xeito ordinario, presidido por María Lameiras, vicerreitora do campus, cando o habitual era que o fixera arredor de catro veces ao ano e presidido polo reitor da Universidade.

Pola súa banda, Enrique Barreiro salientou que “estamos vivindo unha centralización progresiva do campus” e advertiu, entre outras cuestións, que servizos como a Oficina de Relacións Internacionais só conta cunha persoa en prácticas no campus e que a Fundación Universidade de Vigo, encargada de xestionar as prácticas en empresas, non ten persoal en Ourense. Por este motivo, o director da Escola Superior de Enxeñaría Informática botou en falta que o actual goberno transmita ao campus a visión estratéxica que ten para el.

Nesa visión de futuro, Barreiro advertiu da preocupación que suscita en Nova Universidade o borrador de decreto da Xunta de Galicia para as ensinanzas universitarias. Destaca que para o campus de Ourense estipula un mínimo de 45 estudantes en primeiro curso para a continuidade das titulacións, un baremo que actualmente afectaría a 5 titulacións en Ourense. “O artigo 5 dese borrador sería un golpe tremendo para o campus”, denunciou Barreiro, polo que fixo fincapé na importancia de que o equipo reitoral aclare cal é a postura da Universidade de Vigo neste tema.