DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza fai balance do primeiro ano de goberno do novo equipo reitoral

Nova Universidade denuncia a “inercia, continuidade e falta de proxecto” do equipo de goberno

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/07/2011
En liña crítica, pero deixando clara a súa vontade de colaboración, o líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, fixo este martes balance do primeiro ano de goberno do novo equipo reitoral, un período que, ao seu xuízo, se caracterizou por dúas cuestións básicas “inercia, continuidade e falta de proxecto” e “baixo perfil académico nas liñas programáticas de goberno de Alternativa Universitaria”.
Na súa valoración Jaime Cabeza asegurou que o actual equipo de goberno non foi quen de dotar de racionalidade a organización académica, tanto nos graos e posgraos, “sobre todo nestes”, como no que se refire á organización do profesorado, xa que “non achegou ningún valor engadido á anterior andaina de Alberto Gago”. A falta dun plan estratéxico de posgrao e de liñas claras sobre como debe ser o posgrao na Universidade de Vigo, centraron boa parte dunha crítica na que tamén fixo mención “ás eivas organizativas e estruturais” que se están a producir na xestión administrativa dos mestrados.

Investigación

No que a investigación se refire, o líder de Nova Universidade reiterou o apoio da súa formación ao proxecto de Campus do Mar, pero recalcou que, ao marxe disto, se mantén un “perfil moi austero para os pequenos grupos de investigación”. O retraso na convocatoria da produción científica do ano 2009 e o recorte de axudas aos pequenos grupos de investigación – manifestado en aspectos como a redución das axudas para a realización de estadías e viaxes- son algúns dos exemplos salientados por Cabeza para amosar o seu desacordo “coa distribución da austeridade” que está a levar a cabo o actual equipo de goberno.

Neste apartado, Cabeza tamén criticou o “incremento da burocracia e o papeleo” administrativo na docencia e na xestión dos grupos e proxectos de investigación. “Non nos cabe dúbida de que parte deste exceso burocrático ben de demandas da Xunta de Galicia, pero hai que admitir que boa parte tamén se derivan da mala xestión administrativa da propia Universidade”, recalcou, ao que engadiu que boa parte destas carencias do novo equipo se deben a un programa de goberno “feito ás presas e sen vontade de cumprir o que se dicía no mesmo”.

Profesorado

En canto aos plans de consolidación de profesores axudantes e promoción do profesorado, a opinión de Nova Universidade é que non se concretou nada, coa única excepción dun plan específico para consolidar os Parga Pondal e os Ramón y Cajal que, ao seu xuízo, non evitou que houbese “catro persoas que quedaron fóra, cifra que posiblemente se incrementará cando se peche este ano natural”.

Orzamentos

No que ao debate orzamentario se refire, Jaime Cabeza criticou a “suma docilidade deste equipo de goberno coas propostas económicas da Xunta de Galicia” e criticou as “fortes contradicións” que se están a producir entre a “austeridade”anunciada polo actual reitor, que se viu reflectida nos recortes sufridos na meirande parte dos orzamentos que afectan ao persoal e alumnado da Universidade, coa creación “de novos comisionados, o engorde da administración paralela e o incremento das asistencias técnicas externas”.