DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza lamenta a “errática política de profesorado” que se está a levar a cabo

Nova Universidade denuncia que o equipo de goberno carece dun proxecto de cadro de persoal docente

A oposición esixe o cumprimento inmediato das resolucións xudiciais das cátedras de I+D

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/03/2012
O líder de Nova Universidade, Jaime Cabeza, anunciou este luns a decisión da súa formación de non colaborar máis coa política de profesorado que está a levar a cabo o actual equipo de goberno da Universidade de Vigo, ao que acusou de prescindir da súa opinión, pese a representar o 47,4% do voto electoral. Tras denunciar a “errática política de profesorado” que se está a producir, Cabeza referiuse a situación que se está a vivir nestes intres na Universidade como “acta de defunción do sistema de educación superior tal como foi formulado no espazo de Boloña”.

Tal como veñen denunciando desde fai anos, Nova Universidade insiste en que “nesta Universidade hai moitos profesores que a penas dan clase”, polo que “dende xa” se fai necesario facer un cómputo máis racional da docencia. Nesta liña, insistiron no prexuízo que se causa ao alumnado, xa que, de cara ao curso que ven, hai moitas materias optativas que non se van poder ofertar debido á falla de profesorado. “Tomouse a decisión de non contratar en ámbitos nos que hai déficits moi evidentes”, subliñou o líder da oposición, ao tempo que afirmou que dende o equipo de goberno se salienta que neste intre o número de profesores é suficiente, algo sobre o que manifestou o seu desacordo. “Poño como exemplo o caso das enxeñerías onde se están dando clases en condicións precarias e con grupos excesivamente numerosos”, denunciou.

Plan de promoción “inxusto e insolidario”

Tendo presente que se trata dun momento economicamente complexo no que pode ser inevitable ter que realizar certos axustes, Nova Universidade lamenta que as restricións que se están a producir van acompañadas do mantemento dun plan de promoción “inxusto e insolidario” no que van obter praza persoas con moitos méritos pero “para ámbitos nos que non se precisa máis profesorado”. Pondo en dúbida a legalidade desta convocatoria, Cabeza subliñou que dende os diferentes departamentos se está a vivir unha “política de mercadeo coa Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado”.

Entre os centros nos que máis se visualizan estes déficits, o representante de Nova Universidade sinalou casos como o de Ciencias Sociais, Relacións Laborais ou Ciencias da Educación, mentres que noutras facultades asegurou que pode chegar a falarse de que “sobran” profesores, “tal como admiten dende a vicerreitoría”. “O que se vai facer este ano é afondar máis nos erros, producindo máis desequilibrios e facendo que medren máis aqueles centros nos que teoricamente sobran profesores en detrimento dos ámbitos nos que non se poden impartir racionalmente os plans de estudo por culpa desta política que leva a cabo o goberno de Salustiano Mato”, sinalou Cabeza, quen lembrou que o curso pasado máis de 100 profesores non cumprían o mínimo de impartir 30 horas de docencia por curso “unha situación que nos consta que se segue a producir”.

Cátedras I+D

Á marxe da política de profesorado, dende Nova Universidade esixiron o cumprimento inmediato das resolucións xudiciais que implican a anulación das cátedras de I+D. “É necesario que a Universidade execute xa a sentencia e deixe de fuxir cara adiante”, esixiu Cabeza.

Lembrando que Nova Universidade representa o “47,4% do voto electoral desta Universidade”, Jaime Cabeza lamentou que nos case dous anos de mandato do actual equipo de goberno non foi convocado a ningunha negociación para resolver os problemas aos que se enfronta a institución. “Gobernan unilateralmente sen tentar tender unha ponte de diálogo”, recalcou o catedrático vigués.