DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jaime Cabeza e Enrique Barreiro amosaron a súa preocupación pola sentencia sobre Física

Nova Universidade pide que se garanta a continuidade do grao de Ciencias Ambientais

Reclaman que os responsables da Universidade e da Consellería de Educación se manifesten sobre o tem

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 09/03/2012

A garantía de que o alumnado do grao de Ciencias Ambientais da Facultade de Ciencias do campus de Ourense non vai ter problemas coa súa titulación derivados da sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a transformación da licenciatura de Física. Esta é a petición que este venres Jaime Cabeza e Enrique Barreiro, en representación de Nova Universidade, fixeron aos máximos responsables da Universidade de Vigo e da Consellería de Cultura e Educación. Piden ademais que o Consello de Campus de Ourense se manifeste ao respecto e que “non se peche en falso este conflito”.

Jaime Cabeza e Enrique Barreiro ofreceron unha rolda de prensa para explicar a postura da súa formación ante unha sentencia que, salientaron, “causounos unha fonda preocupación”. Segundo explicou Cabeza “a súa execución é un asunto moi perigoso onde hai dúas partes enfrontadas e no que cada unha exerce o seu dereito”, xa que, lembrou, os profesores de Física teñen un fallo ao seu favor no que se recoñece a "ineficiencia" da decisión do consello de goberno da Universidade de encargar á xunta de facultade de Ciencias o plan de estudos para a transformación da licenciatura de Física. Segundo advertiu, este fallo provoca que "se poña en cuestión a eficacia da constitución da titulación de Ciencias Ambientais", implantada trala supresión de Física.

Sen excluír ningunha posibilidade

O responsable de Nova Universidade pediu “a todas as partes implicadas moita xenerosidade e visión de interese xeral para non pór en cuestión a titulación de Ciencias Ambientais”. Os representantes da formación apuntaron o seu desexo de que o Consello de Campus de Ourense faga unha declaración institucional ao respecto e de que Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura e Educación, exprese a garantía de que os alumnos de Ciencias Ambientais non van a ter problemas, xa que a titulación “foi avalada polo Consello Galego de Universidades.

Durante a rolda de prensa Enrique Barreiro amosou a súa confianza en que a Facultade de Ciencias “fixo ben a súa política de reestruturación” ante o Plan Boloña pois “adoptou unha estratexia que permitiu garantir a súa viabilidade”. O director da Escola Superior de Enxeñaría Informática apuntou ademais que a titulación de Ciencias Ambientais conta con arredor de medio cento de alumnos en cada curso, sendo unha titulación única en Galicia. Por este motivo, desde Nova Universidade, fixeron fincapé en que na situación actual “non se debe excluír ningunha posibilidade” pero que se deben ofrecer todas as garantías aos alumnos de Ciencias Ambientais.