DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nova visión da Comunicación dende os Estados Unidos

O profesor estadounidense Joseph D. Strausbhaar ofreceu un relatorio sobre o futuro do sector

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Cristina Rodríguez e Francisco Prieto DUVI 20/03/2013
As tendencias de globalización en comparación cos países coñecidos en termos económicos como BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) ou a contraposición entre o estado carioca e o modelo hexemónico estadounidense foron algún dos aspectos que abordou o profesor de Comunicación da Universidade de Texas, en Austin, Joseph D. Strausbhaar durante un relatorio sobre a converxencia dos diferentes medios de comunicación no salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Para este director de estudos de medios experto en investigación sobre relacións públicas internacionais, opinión pública e hábitos de vida, os factores que máis peso teñen nesta confluencia son principalmente a infraestrutura comercial, os intereses nacionais e as tendencias culturais, entre outros. O profesor Joseph D. Strausbhaar fixo especial fincapé na dominación visible do cine norteamericano en todo o mundo, agás contadas excepcións, antes de afondar nas súas orixes, na súa evolución e na súa actualidade.

Por que é o cine estadounidense tan global?

Nos primeiros anos do século XX, Estados Unidos creou un sistema comercial de grandes estudios, que chegou a acadar unha forte consolidación e que funcionou moi ben no resto do mundo en parte por ser un cine pouco verbal e moi visual, doado de entender. De aí o gran apoio do goberno, que viu a este sector como un medio de propaganda, o que supuxo o crecemento da lingua inglesa a nivel internacional, ademais da creación de xéneros tradicionais americanos, como o de cowboys, o de detectives ou o de comedias. Outro aspecto que favoreceu a produción americana é a modernidade e a actualización constante dos seus medios e producións, consagrándose como un exemplo a seguir. Por outra banda, é preciso ter en conta que a idea moderna de converxencia é posible grazas á era dixital na que vivimos.

Hoxe en día, a infraestrutura comunicacional, o poder comercial, o poder institucional e outros factores como a inmigración promoven a globlización. Esta é moi visible no mundo capitalista.

Durante a súa conferencia o profesor Strausbhaar falou sobre os outros medios de gran poder comunicativo, como é a televisión ou a industria discográfica musical, que segundo el, “teñen grandes diferenzas con respecto ó cine”. Por unha banda, a forza nacionalizante da televisión exerce o seu control sobre a emisión de programas maioritariamente estatais, xa que a audiencia televisiva ten preferencia polas producións locais. Por outro, a industria musical destaca pola súa “desvaloralización” ao non saber entender e adaptarse ás novas tendencias e á conversión do mercado cara o mundo dixital.

A identidade múltiple

Para o profesor estadounidense, atopámonos pois nun mundo no que a comunicación adquiriu un novo grao de complexidade e ten que afacerse aos cambios experimentados tanto polos individuos como polos propios medios. "A tendencia de identidade múltiple é case como un proceso xeolóxico, con diversas capas superpostas", subliñou. No caso en concreto do Brasil, os individuos considéranse a si mesmos como posuidores dunha identidade múltiple que mestura lingua, cultura e relixión, o que supón un incremento da fragmentación de opcións, audiencias e mercados ao que os encargados das relacións públicas deben afacerse para poder realizar o seu traballo de forma efectiva.