DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha nova vitoria confirma a boa racha para os xogadores do Campus Universitario

O equipo feminino, pola súa banda, segue acumulando derrotas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 17/11/2008

Continúa a racha de boa sorte para os xogadores do Campus Universitario. Aínda que nesta novena xornada o partido foi complexo e estivo moi igualado, os xogadores do Gayolo Ford non lograron, finalmente, vencer aos do Campus. Un resultado de 68-67 fai que se manteñan na sexta posición da táboa con 15 puntos e cun balance de seis partidos gañados. O adestrador, Javier Pérez, calificou o xogo de “trabado e cun ritmo lento”, sen embargo a pesar das dificultades “o encontro mellorou cando os xogadores atoparon boas posicións de tiro”, engadiu. “Os marcadores estiveron bastante igualados todo o partido”, comentou Pérez, de feito o Campus chegou aos dous últimos minutos do encontro perdendo por cinco puntos pero, tras unha acción de falta, os xogadores conseguiron remontar acadando a vitoria.
Pola súa banda, o Campus Universitario feminino segue acumulando derrotas. Nesta ocasión, un marcador de 91-63 amosou a superioridade do seu rival, o C.B. Arxil Mafari. Con este resultado as xogadoras seguen no último posto da clasificación e xa son cinco os partidos perdidos.

Próximo encontro

O sábado 22 o equipo masculino enfrontarase ao C.B. Tui, o segundo clasificado da táboa, que conta “cuns xogadores con boa traxectoria, tanto nesta como noutras ligas, e que xogan para ascender”, dixo Pérez. Para o Campus este partido preséntase como unha ocasión “na que non temos nada que perder e si moito que gañar”, concluíu o adestrador. O encontro terá lugar ás 18.30 horas no Pavillón Municipal de Deportes de Tui.
As xogadoras do Campus Universitario feminino tamén xogarán o sábado 22. O seu rival será o C.B. San Pelayo Deportes Caneda quinto clasificado da liga. A cita será no Pavillón Campus Ourense ás 17.00 horas.