DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derrotou ao Xuventude Baloncesto, de Cambados, por 15 puntos de diferenza

Unha nova vitoria mantén ao equipo de baloncesto no segundo lugar da clasificación

Vitoria contundente tamén a conseguida polo cadro feminino contra o Área Complexo Deportivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 23/11/2009

O cadro sénior masculino de baloncesto derrotou esta fin de semana ao Xuventude Baloncesto, de Cambados, por quince puntos de diferenza, acadando un resultado de 86-71. Vitoria contundente tamén a conseguida polo equipo sénior feminino, que derrotaron ás viguesas do Área Complexo Deportivo por máis de corenta puntos de diferenza (87-45). O equipo junior, pola súa banda, perdeu contra o Peleteiro por 97-63. E derrota tamén para os xogadores de rugby, que caeron contra os Ingleses RC por un resultado final de 25-27.
“Un equipo novo, intenso pero inexperto”. Así define Javier Pérez, o adestrador do Universitario Campus Ourense, ao seu rival desta fin de semana, o Xuventude Baloncesto, de Cambados. De feito, empezaron o xogo moi forte e fixéronse co primeiro parcial do encontro. “Sen embargo, no segundo cuarto xa nos puxemos por diante no marcador e, a partires dese momento, xa fomos sempre por diante ata conseguir os 15 puntos finais de diferenza”, explica o adestrador. O partido xogado no pavillón universitario foi outro factor en contra do cadro rival “que leva mal xogar fóra da casa”. O resultado do encontro foi de 86-71, o que consolida ao equipo ourensán no segundo lugar da táboa de clasificación e o anima ao equipo a seguir adiante con gañas e ilusión. Nas palabras de Javier Pérez, “o equipo está moi animado, porque cinco vitorias seguidas é unha moi boa racha”. O próximo partido do cadro ourensán será este sábado en Vilagarcía contra o Liceo Casino.
E vitoria contundente tamén a acadada polo equipo feminino de baloncesto que esta fin de semana xogou contra as viguesas Área Complexo Deportivo, ás que derrotaron por máis de corenta puntos de diferenza (87-45). Este resultado sitúa ao cadro ourensán no primeiro lugar da clasificación, seguido polo C.B. Baiona. O Seis Nadal Coia vai ser o rival das xogadoras no partido da vindeira fin de semana.

O Peleteiro derrota ao cadro júnior de baloncesto por máis de trinta puntos de diferenza

O cadro júnior masculino de baloncesto, pola súa banda, perdeu esta fin de semana contra o Peleteiro, “un dos equipos máis fortes da competición”, segundo afirma o adestrador do equipo ourensán, Miguel González, por un resultado de 97-63. O primeiro cuarto do encontro estivo marcado polo acerto no tiro de ambos equipos, “pero segundo avanzaban os minutos eles encestaron moitas canastas fáciles e nós non fomos quen de defender correctamente en situacións de cinco contra cinco”, declara. Isto motivou que o Peleteiro aumentara a súa vantaxe no marcador no segundo cuarto, e que marcou unha diferenza de preto de 20 puntos sobre o equipo universitario no descanso. Xa na segunda parte, o nivel do partido mantívose pola cómoda vantaxe do equipo rival, “e nunca xogamos o bastante ben como para competir contra o equipo santiagués”, subliña. O adestrador define a derrota como “moi xusta, porque o Peleteiro foi moito mellor durante todo o encontro”. O Cidade de Lugo vai ser o rival do Campus Ourense Blanco Amor na vindeira xornada.

O equipo de rugby, nos postos de cola da clasificación

A sorte non acompañou ao Campus Ourense Rugby no encontro disputado este sábado en Monterrei. Despois dun intenso partido, os ourensáns víronse superados por Os Ingleses RC na derradeira xogada do encontro co tempo xa cumprido.
O equipo visitante comezou dominando o encontro e adiantouse axiña no marcador. Unha pequena reacción dos ourensáns deixaba un resultado de 10-20 no descanso. Na segunda metade o equipo universitario saíu decidido a dar a volta ao marcador e así o fixeron, chegando aos últimos instantes cunha vantaxe de 5 puntos: 25-20. Pero na derradeira xogada a fortuna sorriu aos visitantes que conseguiron un ensaio de castigo que deixaba o resultado final 25-27.
Con esta derrota, o Campus Ourense Rugby mantense nos postos de cola da clasificación á espera de recibir á vindeira xornada ao Lalín RC.