DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inaugúrase na Facultade de Dereito a V edición do Máster DUMA

Unha nova xeira de expertos en dereito urbanístico e ambiental comeza a súa formación

40 profesionais realizarán este posgrao durante o curso 2011/2012

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/09/2011
Co alumnado de grao xa inmerso na normalidade das clases, pouco a pouco os estudantes de posgrao comezan tamén os seus estudos no campus de Ourense. Este martes foi a quenda das persoas inscritas no Máster Universitario Oficial en Dereito Urbanístico e do Medio Ambiente DUMA, impartido na Facultade de Dereito ourensá. Con 40 prazas e un carácter profesionalizante, trátase dunha das oferta formativa de mestrado da Universidade de Vigo que pretende respostar á demanda que existe no mercado de profesionais con formación en urbanismo e medio ambiente.

O mestrado foi inaugurado por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense; Camilo Ocampo, subdelegado do Goberno en Ourense, e Rafael Fernández Acebedo, coordinador do mestrado. “Cando aínda non está rematado o período de inscrición comezamos este máster na súa quinta edición coa satisfacción de que cada ano vai mellorando coa experiencia, como demostra o feito de que en maio deste ano acadamos o primeiro informe favorable da Axencia Galega de Calidade”, salientou o seu coordinador durante a presentación.

Neste senso, María Lameiras quixo destacar “o elenco de profesionais de primeiro nivel que imparten docencia neste mestrado” e Camilo Ocampo “a dobre satisfacción de que se trata dun espazo non só de adquisición de coñecementos senón tamén de actitudes necesarias en desenvolvemento sostible”. Por este motivo, Francisco Rodríguez quixo transmitir aos inscritos que participan “dun referente educativo en Ourense e unha oportunidade excepcional para ter mellores opcións de futuro”.

Con futuro

O DUMA, patrocionado pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as concellerías de Medio Ambiente, Urbanismo e Educación do Concello de Ourense, pretende facilitar ao alumnado o estudo e coñecemento sistemático do dereito urbanístico e ambiental; sensibilizalo sobre as repercusións sociais e ambientais da normativa e propiciar a súa capacitación para o asesoramento xurídico de administracións públicas e particulares en relación con problemas e desenvolvementos urbanísticos e ambientais.

Para acadalo, o mestrado achega “unha formación que cada día resulta máis demandada por institucións públicas e privadas, tanto ourensás como do resto de Galicia e de España. As diferentes administracións e as empresas cuxa actividade incide nos campos do urbanismo e do medio ambiente necesitan profesionais para cubrir estes postos de traballo de gran especialización técnica”, apunta o coordinador destes estudos.

Como aval desta formación, os seus organizadores destacan que o mestrado ofrece un ensino de calidade baseada en tres aspectos fundamentais, como son a ampla formación do profesorado da Universidade de Vigo e das 12 universidades españolas que participan; a incorporación ao equipo docente dun amplo elenco de profesionais especialistas do sector público e privado e a realización de prácticas externas.

Por último, durante o acto de presentación, as autoridades asistentes quixeron transmitir o seu pésame a Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito, polo falecemento do seu pai, motivo da súa ausencia neste acto.