DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación de Educación Infantil, Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte

A nova xeración da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, lista para saír ao mar en plena tempestade

O reitor, Salustiano Mato, animounos a saír ao mercado laboral con ilusión, paixón e ganas de trabal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Iolanda Fernández DUVI 16/05/2013

“Non podedes caer no desalento, debedes acostumarvos a navegar mentres hai tormenta e chove forte”. Con estas verbas se dirixía o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, ao alumnado de Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte que este xoves celebrou o seu acto de graduación no Pazo da Cultura de Pontevedra. Un día especial no que a primeira promoción de estudantes dos tres graos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte quixo contar co apoio non só de familiares e amigos senón tamén co das súas madriñas académicas, Myriam Alvariñas e Diana Rodríguez Salgado, e co do seu padriño, o tamén profesor da facultade Luis Casais. Tamén quixeron acompañar aos recentemente graduados a vicerreitora do campus en Pontevedra, Antonia Blanco; a decana da Facultade, Francisca Fariña; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e diversos representantes da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra.

Ilusión e paixón

“Alégrame saber que este período de formación na Universidade vaivos servir como panca para o voso futuro profesional”, subliñou Mato na súa intervención ao comezo da cerimonia. Ao longo do seu discurso o reitor quixo salientar o traballo realizado todos estes anos tanto polo profesorado coma polo propio alumnado, un esforzo que fai destas tres titulacións académicas un referente dentro e fóra do campus de Pontevedra. A ilusión, as ganas de traballar e a paixón destes novos profesionais son elementos clave segundo o reitor para saír ao mundo laboral e acadar o maior dos éxitos posibles. “Hai que saír aí fóra aínda que non escampe, lembrando que a Universidade é a vosa casa e que sempre terá as portas abertas para todos vós”, concluíu.

Seguir formándose

Pola súa banda, a decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Francisca Fariña, pediulles aos alumnos e alumnas dos tres graos que conserven a ilusión do primeiro día ao longo de toda a súa traxectoria profesional. No seu discurso, Fariña animounos a seguir formándose e recordoulles que o seu futuro laboral tamén pode estar fóra de España. “Sabede que moitos dos vosos compañeiros están a traballar en países como Arabia Saudita, Brasil ou Portugal”, salientou, ao tempo que asegurou que agarda que “a valoración global destes últimos anos sexa positiva, sobre todo no que atinxe aos coñecemos e valores que intentamos transmitirvos”.