DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves, 24 de abril, na Escola Universitaria de Fisioterapia

As novas alternativas ao sistema educativo tradicional, o tema de estudo dunha xornada

Representantes do centro “O Pelouro” impartirá algunha das charlas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 22/04/2008

Co obxectivo de amosar as novas alternativas que existen ao marxe do sistema educativo tradicional, dous alumnos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus pontevedrés, organizan unha xornada dirixida a toda a cidadanía para dar a coñecer algúns dos novos métodos formativos que moitas institucións xa están empregando con éxito. Segundo un dos rapaces responsables desta iniciativa, Adrián Sotelo, como futuros mestres, un dos seus labores é a de afondar nas posibilidades que as novas tecnoloxías e as últimas investigacións ofrecen, e tal como explicou, “hai moitas posibilidades de dar unha clase, sen que sexa un profesor e o alumno escoitando e que funcionan moi ben”, comentou.
A xornada, que terá lugar este xoves 24 de abril na Escola Universitaria de Fisioterapia, contará coa presenza de representantes de organismos e escolas que actualmente traballan no seu día a día con sistemas educativos novos e que queren transmitir as súas vantaxes, ademais de proxectar vídeos ao longo da mañá a modo de introdución das charlas que se desenvolverán pola tarde.

O Pelouro e a iniciativa antiautoritaria Pumariños

Tras unha mañá chea de proxeccións de documentais e filmes que farán reflexionar aos asistentes sobre as novas tendencias no eido formativo, pola tarde terán lugar unha serie de intervencións de representantes de institucións que xa están a aplicar estes métodos. En primeiro lugar intervirán membros da escola O Pelouro, un centro de innovación pedagóxica e integración situado en Pontevedra e que creou un novo concepto no panorama educativo do noso país. Esta iniciativa comezou a dar os seus primeiros pasos no ano 1972 da man dos seus dous creadores, Teresa Ubeira Santoro e Juan Rodríguez de Llauder, que trataron de xuntar o enfoque pedagóxico co psiquiátrico, eidos dos que proveñen, para levar a cabo o seu traballo. Na actualidade trátase dun lugar no que conviven centos de nenos e nenas de todas as idades e entre os que hai autistas, superdotados, rapaces con discapacidades mentais, etc
Pola súa banda, representantes da iniciativa antiautoritaria Pumariños serán os encargados doutra das intervencións da xornada na que se afondará sobre o eixo do seu argumento: que o adulto e o neno deben estar ao mesmo nivel, sen que exista unha potestade que os separe.