DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiaranse estadías de entre 30 e 90 días a levar a cabo entre o 1 de maio e o 31 de outubro

Novas bolsas de mobilidade para fomentar a participación do alumnado en proxectos de cooperación internacional

As persoas interesadas teñen de prazo ata o 9 de marzo para facer a solicitude

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 17/02/2023

A Universidade acaba de lanzar un novo programa de bolsas de mobilidade e faino co obxectivo de incentivar a participación  do alumnado en proxectos de cooperación internacional para o desenvolvemento. Abertas á participación de estudantes tanto de grao como de mestrado, as persoas seleccionadas poderán realizar unha estadía de entre un e tres meses vinculada a un axente de cooperación nalgún dos máis de vinte países establecidos na convocatoria. 

Trátase de que o alumanado poida integrar os coñecementos adquiridos ao longo da súa formación académica e contribuír como universitarios/as e cidadáns comprometidos cos retos globais contidos na Axenda 2030. As mobilidades deberán levarse a cabo entre o 1 de maio e o 31 de outubro, período que aproveitarán para realizar traballos que logo serán validados no seu Traballo de Fin de Carreira, prácticas ou traballos recoñecidos no marco da materia na que se realicen. Respecto ás temáticas estarán relacionadas coa Axenda 2030 e os ODS ou cooperación ao desenvolvemento, incluíndo cooperación financeira, axuda alimentaria e axuda humanitaria, principios e fundamentos xurídicos, política e xestión, cooperación e muller, dereitos humanos...

Elixir destino entre máis de vinte países

As estadías poderán desenvolverse tanto en proxectos de cooperación liderados pola UVigo como noutros proxectos desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro que se atopen inscritas no rexistro de axentes da Xunta de Galicia, noutros rexistros análogos das comunidades autónomas ou na AECID, Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo, debendo contar coa aceptación dun axente de cooperación responsable do proxecto no exterior (ONG, asociación, fundación...) e co visto e prace dun profesor da UVigo no que se reflicta o interese formativo da estadía.

Como país de destino poderán elixir entre unha listaxe que inclúe lugares establecidos no V Plan Director da Cooperación Española como Países de Asociación Menos Avanzados (Cabo Verde, Guinea Bissau, Etiopía, Malí, Mauritania, Mozambique, Níxer, Senegal e Haití) ou Países de Asociación de Renda Media (Bolivia, Colombia, Cuba, Ecuador, O Salvador, Filipinas, Guatemala, Honduras, Marrocos, Nicaragua, Palestina, Paraguai, Perú e República Dominicana).

A contía da axuda dependerá da duración e do destino

A contía da axuda dependerá da duración e do destino e incluirá un pago para axudar a sufragar a viaxe –entre un mínimo de 275 € e un máximo de 1500€-; manutención e aloxamento -500 € cada 30 días-, e seguro de asistencia sanitaria.

As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas poderán facelo ata o vindeio 9 de marzo, incluíndo na solicitude un plan de traballo individualizado (motivación, obxectivos, actividades, resultados agardados...) e o informe do docente da UVigo no que se reflicta o interese da visita.