DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Novas creadoras galegas abrirán o Alt da man da Universidade

O mini ciclo, no que colabora a Unidade de Igualdade, inaugura o día 10 de marzo a programación do f

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 07/03/2011
O Alt cumpre dez anos e para celebralo renova totalmente a súa programación. Dez directores de festivais e estruturas culturais foron os encargados de elixir aos dez mellores representantes da realidade das artes escénicas contemporáneas. Un programa que terá un prólogo de luxo, un miniciclo dedicado ás novas creadoras galegas que o Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo organizou en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

O vindeiro xoves 10 de marzo, a compañía Nut Teatro presentará, ás 20.00 horas no Marco, o seu espectáculo My Own Life, e ás 21.30 h, no Auditorio do Concello, Nuria Sotelo interpretará o solo de danza Métanse nos seus asuntos. Trátase de “visibilizar o traballo das mulleres nas artes escénicas”, recoñecía Anabel González Penín, responsable da Unidade de Igualdade da Universidade, que recoñece que “colaborar na organización deste mini ciclo de novas creadoras é un orgullo para a Universidade”.

A directora do evento, Lola Correa, recoñeceu na presentación do festival “a emoción de saber que chegamos aos dez anos”. O Alt desenvolverase do 10 ao 20 de marzo, apenas uns días despois da celebración do Día da Muller Traballadora, por iso, Correa explicou que “era moi importante para nós empezar coas novas creadoras, recoñecelas”.

Na presentación do festival participou ademais o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesús López, que agradeceu a colaboración, “tanto da Xunta como da Universidade de Vigo e de Bankia, porque gracias a súa axuda podemos seguir adiante”, asegurou. Ademais, Juan Carlos Fasero, director do Agadic, explicou que aínda que en Galicia hai moitos festivais o de Vigo “é un dos que máis dificultades presenta, por ser Alt, é dicir, alternativo”.

Artes e movemento

A presentación do festival contou ademáis cunha actuación en directo. Javier Martín, coreógrafo de danza contemporánea, representou un pequeno anaco do seu espectáculo El estado crudo, que forma parte da programación do Alt. A súa actuación será o venres día 18 ás 21.30 no auditorio do Concello, que xunto co Marco son os dous escenarios que acollerán esta cita coas artes escénicas.