DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores da ESEI participan no proxecto GOAL, financiado polo CDTI e coordinado por Indra

Novas ferramentas para saber que prefiren atopar os usuarios cando compran a través dos seus dispositivos móbiles

Permiten monitorizar a actividade, un importante avance con respecto ás actuais probas en laboratori

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 13/11/2014
Os últimos estudos apuntan a que o 14% das compras online en España xa se realizan dende un smartphone ou desde unha tableta, un 280% máis que hai tan só dous anos, e calcúlase que a final de ano o xa chamado m-commerce ou o comercio electrónico a través de dispositivo móbil terá movido máis de 1200 millóns de euros. Para saber como afrontar esa nova realidade e descubrir o que prefiren atopar os cidadáns á hora de comprar en rede, investigadores do grupo de Informática Gráfica e Multimedia da ES de Enxeñaría Informática de Ourense desenvolveron ferramentas que permiten “monitorizar a actividade dos usuarios nos dispositivos móbiles multitáctiles, tanto nas típicas actividades de navegación web, fundamentalmente enfocadas a compras en tendas de comercio electrónico, como na interacción en contornas 3D”.

Nestes dous anos de traballo, ademais do sistema que permite monitorizar a actividade, desenvolvéronse uns prototipos funcionais que permiten aos usuarios probar as ferramentas. “É un espionaxe colaborativo. Cando ti levas a cabo un proceso de compra online vas pasando por unha serie de botóns ata finalizar a operación. O que se pretende é avaliar en que medida a colocación dos elementos de interface nas tendas de comercio electrónico inflúe nas compras, os diferentes patróns que pode haber e cal é máis eficiente, satisfactorio e directo para o usuario”, explica Celso Campos, un dos investigadores da Universidade de Vigo que colabora no proxecto GOAL xunto con Iván Rodríguez, Javier Rodeiro, Enrique Barreiro, Jorge Nelson Acosta e Rubén Viso. O obxectivo é facer as probas cando está en desenvolvemento a plataforma de comercio electrónico ou “a aplicación que nos interese” para ver que mellorar antes de implementar o produto final.

Financiado polo Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI) e coordinado por Indra, no proxecto participan xunto á Universidade de Vigo o Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones (CITIC) e as empresas Redegal, Imatia, Enxenio. Neste momento a investigación atópase en fase de establecer os experimentos e que todas as partes implicadas avalíen aos usuarios para extraer a información e facer un informe de conclusións que podería estar listo a final de ano.

Sen embargo, o remate do proxecto non lle quita utilidade ás ferramentas, xa que “poden usarse para calquera tipo de aplicación ou de interese por parte das empresas ou pola propia evolución do mercado. As ferramentas permitirán monitorizar igual a actividade do usuario e con datos reais e veraces se para un determinado tipo de usuario ou contexto é máis axeitada unha distribución de interface ou outra, incluso segmentando por sexo, idade, zurdo ou destro...”. Hoxe en día pode aplicarse a aparellos con sistemas operativos iOS e Android, “o 99% do mercado de dispositivos móbiles”.

Unha mostra importante

Para os investigadores quizais o máis relevante de todo o proxecto é poder levalo adiante, xa que “iniciamos o camiño partindo da base de que non tiñamos nada que nos permitira saber como estaba interactuando o usuario coas aplicacións”, incide Campos. “Todo isto facilítanos o proceso de probas moitísimo porque a alternativa que tiñamos ata o de agora era facer probas en laboratorios onde reunías a toda a xente diante de ordenadores e gravabas en vídeo como actuaba coa aplicación. Despois tiñas que revisar os vídeos un por un avaliando erros, cronometrando tarefas...”, salienta Iván Rodríguez. Deste xeito a aplicación rexistra toda a actividade e os investigadores teñen acceso directo a ela en ficheiros de texto con todos os datos e estatísticas.

Con estas novas ferramentas non só se poden facer as probas sen “molestar á xente”, que pode estar na súa casa, senón que se pode chegar a un espectro moito máis amplo. “Nós desenvolvemos unha nova aplicación na que a proba distribúese coa propia app a través da Apple Store, co cal chegamos a 155 países todo o mundo, o que doutro xeito é imposible. Xa levamos 80.000 descargas e ten participado moita xente de todos os continentes”, recoñece Rodríguez.