DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolleu o acto de apertura do curso ‘Intelixencia emocional, talento e empregabili

Novas habilidades para novos tempos

Representantes empresariais vinculan o éxito profesional a capacidades máis alá dos coñecementos téc

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 12/03/2014

Houbo un tempo no que unha sólida formación era practicamente sinónimo dunha extensa traxectoria laboral. Mais os cambios económicos, sociais e tecnolóxicos do último cuarto de século converteron en fundamentais habilidades como a capacidade de comunicación ou de resolución de problemas. Non en van, “o éxito profesional depende nun terzo dos coñecementos técnicos e en dous terzos das capacidades, habilidades e intelixencia”, segundo afirmou Antonio Casal, director do Centro de Operacións de Ence en Pontevedra, no acto de apertura do curso Intelixencia emocional, talento e empregabilidade, no que se axudará ao alumnado “a coñecer as súas potencialidades e saber como proxectalas no seu futuro”, explicou Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra.

Dotar aos futuros profesionais dunha formación integral, que vaia máis alá dos coñecementos técnicos e afonde “nos ámbitos persoal, emocional e social tense convertido en algo “imprescindible”, como salientou Blanco no acto de apertura deste curso na Casa das Campás. Por iso, actividades formativas como este seminario gratuíto organizado pola Vicerreitoría de Transferencia do Coñecemento a través da Área de Emprego constitúen “unha liña estratéxica para a Universidade”, segundo Blanco, que salientou que na actualidade o “alumnado está concienciado da importancia destas cuestións, como demostra a alta participación neste curso”. Coa idea de dar continuidade a unha actividade formativa que se desenvolverá entre este xoves e o 10 de abril, Blanco anunciou tamén que a Vicerreitoría do campus traballa en futuras accións que axuden ao estudantado a saber “como moverse no ámbito laboral e a facerse a si mesmos como profesionais”.

Nesta mesma liña, Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, incidiu na importancia “dunha Universidade conectada ao sector produtivo e empresarial”. Por iso, recalcou a importancia de que o alumnado adquira “competencias transversais” que van máis alá dos coñecementos técnicos e que os capaciten para o seu futuro como traballadores ou emprendedores. Competencias como a intelixencia social e emocional, a capacidade de comunicación e de fomento das relacións persoais ou a habilidades para interpretar as diferentes necesidades e situacións foron as destacadas pola presidenta de Aedipe Galicia (Asociación española de dirección e desenvolvemento de persoas), Belén Varela, que encabeza o equipo de profesionais do recursos humanos que impartirán este curso.

Cambios nas relacións entre traballador e empresa

No relatorio que sucedeu á presentación do curso, Varela fixo un percorrido polos múltiples cambios sociais e económicos que se viviron nos últimos 25 anos para afondar en como está a mudar o mundo empresarial e profesional. Fixo énfase na importancia crecente que está a adquirir a idea de singularidade, “tanto dos traballadores, que teñen que coñecer as súas potencialidades, como das empresas, que xa non acaparan todo o proceso produtivo, xa que o se demanda hoxe en día son empresas moi flexibles e con moita capacidade de innovación”.

Para a presidenta de Aedipe Galicia, a xestión desa singularidade é “o gran reto” ao que se enfronta o tecido empresarial no contexto de cambio no que, ao seu xuízo, se atopa inmerso. Varela augurou cambios nas estruturas organizativas, que pasan por deixar de lado a división en departamentos en favor dun intento de “aproveitar o verdadeiro potencial de cada persoa, en vez de tela facendo o que se cre que debe facer”. Así mesmo, a presidenta de Aedipe afirmou que nos próximos anos produciranse tamén cambios no marco das relacións laborais, dado que “xa pasaron os tempos nos que cuns coñecementos podías permanecer nunha empresa moito tempo”. Agora, é preciso “moito movemento e flexibilidade”, o que motivará que empresas e profesionais “manterán dentro duns anos unhas relacións practicamente mercantís, de igual a igual”.

O que demandan as empresas

Para que os asistentes a este curso puidesen coñecer de primeira man que é o que valoran as empresas máis alá da formación académica, este acto de apertura completouse cunha mesa de debate na que participaron Javier Garrido, presidente do Club Financeiro de Vigo – Círculo de Empresarios de Galicia; Guadalupe Murillo, directora xeral de Pescamar, e Antonio Casal, director da factoría de Ence en Pontevedra, que foron presentados por Lucía Pedroso, presidenta de AJE-Pontevedra. Empatía, incoformismo, traballo en equipo, resolución de problemas, capacidade para aprender de cada erro ou habilidades para a comunicación oral e escrita foron varios dos puntos destacados polos representantes empresariais, que incidiron na importancia que adquiren este tipo de competencias para as empresas nun “mercado cada día máis competitivo, no que hai que buscar a mellora continua, para o que se precisa as achegas de todos”, salientou Casal.