DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus apoia esta iniciativa do Cineclube Padre Feijóo

Novas olladas ao cinema fantástico nun novo ciclo de cine en versión orixinal

O próximo pase terá lugar este mércores no Cinebox coa película "The Fall: o sono de Alexandría"

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 20/01/2010

O cine fantástico é o eixe ao redor do que xira o novo Ciclo de estreas en versión orixinal que vén de pór en marcha o Cineclube Padre Feijóo. A actividade comezou o seu desenvolvemento o día 13 de xaneiro coa proxección da película sueca Déixame entrar, dirixida por Tomas Alfredson no ano 2008 e continuará este mércores, 20 de xaneiro, co pase do filme The fall: O sono de Alexandría, unha co-produción na que participaron o Reino Unido, Estados Unidos e a India. A última película do ciclo é a británica Moon, dirixida por Duncan Jones no ano 2009 e que se proxectará o día 27 de xaneiro. Todos os pases teñen lugar no Cine Box ás 20.30 e ás 23.00 horas. A iniciativa conta co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e tamén doutros organismos como son a Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a federación de Cineclubes de Galicia e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.
The Fall: O sono de Alexandría conta a historia dun especialista de secuencias de acción que é ingresado nun hospital despois dunha caída que o deixa sen poder andar. Alí atopa o apoio de Alexandría, unha rapaza cun brazo roto e coa que pecha unha promesa: vaille contar a historia máis maravillosa do mundo. Sen embargo o relato pronto sobrepasa todos os límites trasladando a película a todos os confíns do mundo. O filme recibiu premios nos festivais de Berlín e Sitges e proxectarase no Cinebox este mércores, 20 de xaneiro, ás 20.30 e ás 23.00 horas.

Moon: o mellor da ciencia ficción nun filme con reminiscencias a grandes títulos

Moon, pola súa banda, é unha película dirixida polo británico Duncan Jones no ano 2009. O filme narra a historia de Sam Bell (Sam Rockwell), un astronauta que leva tres anos na lúa para realizar unha importante misión: enviar helio á Terra para paliar a nosa falta de enerxía. Durante este período Sam non estableceu contacto con ningún outro ser humano e só se comunicou con Gerty (voz de Kevin Spacey), unha computadora posuidora dunha intelixencia extraordinaria. Cando faltan só dúas semanas para que Sam termine o seu traballo e poida voltar á súa casa o estrés acumulado vai facer que empece a ter alucinacións que aínda empeorarán máis por culpa dun inesperado fallo no sistema de Gerty. Moon recupera o mellor da ciencia ficción nun filme con reminiscencias a grandes títulos e que foi merecedor de premios en festivais como o de Sundance. A proxección desta película está prevista para o mércores, 27 de xaneiro, con pases ás 20.30 e ás 23.00 horas.
O prezo da entrada é de 4 euros, 3 para os estudantes con carné universitario.