DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No primeiro cuadrimestres tiveron máis de 500 participantes

Novas oportunidades para pórse en forma coas Escolas Deportivas

O 12 de febreiro remata o prazo para inscribirse

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
D. Besadío DUVI 07/02/2008
Dende clásicos como ioga, aerobic ou natación ata novidades como muay-thay boran, fitball pilates ou jiu-jitsu son exemplos das múltiples opcións ás que poden acollerse os membros da comunidade universitaria nos últimos días para anotarse nas Escolas Deportivas do 2º cuadrimestre.
Programa estrela do Servizo de Deportes, con máis de 500 participantes no primeiro cuadrimestre, as Escolas Deportivas permiten a estudantes e pas achegarse a disciplinas deportivas pouco coñecidas no noso entorno e adquirir hábitos deportivos saudables.
Entre as actividades con máis éxito no primeiro cuadrimestre, natación, tenis e aerobic, que concentraron un 30% de participación, se ben outras modalidades como o spinning, que recrea unha viaxe en bicicleta, simulando distintos tipos de camiños ou superficies, ou pilates, que une traballo físico, control corporal e relaxación activa, cada vez teñen mellor acollida. Entre os que prefiren probar novas prácticas deportivas destacan tamén destrezas que aínda se están a introducir no noso país, tales como o muay-thai boran, arte marcial tailandés semellante ao boxeo; o GAP, traballo aeróbico que favorece a tonificación de glúteos, muslos e pernas, ou 30+30+30, que combina aerobic latino, hip-hop, step...

Variedade horarios e centros por toda a cidade

Como aliciente aos estudantes, ao igual que noutras edicións, determinadas actividades como ioga, natación e tenis, están recoñecidas con créditos de libre configuración.
A gran variedade de horarios, a posibilidade de beneficiarse de descontos e centros distribuídos por toda a cidade son algunhas das claves de que cada curso se incrementen máis as cifras de participantes nestas escolas.
No referido a prezos, a maior parte oscilan entre os corenta e corenta catro euros por cuadrimestre (fitgym, gap, natación, spinning, power circuit, ximnasia de mantemento...), etc.
O prazo para inscribirse remata o 12 de febreiro e debe realizarse en persoa, achegándose ao Servizo de Deportes para recoller o formulario de inscrición, se ben na web do servizo se pode consultar o programa completo de actividades.

Entradas I Copa Addeco Leb Bronce

O Servizo de Deportes ofrece entradas gratis para a I Copa Adecco LEB Bronce de baloncesto. Os interesados poden recollelas no Pavillón Polideportivo do campus de Vigo.
A cita é os días 8 e 9 de febreiro no Polideportivo de As Travesas. Participarán Gestibérica Vigo, Rayet Guadalajara, Ciudad Torrealta Molina e Balneario de Archena.