DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dese hoxe e ata o venres celébrase o Simposio Internacional de Ensinanza das Ciencias

Novas perspectivas para o ensino das ciencias

Nas xornadas online organizadas pola Universidade de Vigo hai 300 inscritos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 11/06/2012
Coa finalidade de facilitar o intercambio de experiencias docentes e investigadoras e fomentar a difusión de novas tendencias, a Universidade celebra desde hoxe e ata o 16 de xuño o I Simposio Internacional de Ensinanza das Ciencias. As xornadas online, nas que participarán profesionais tanto de Europa coma de Latinoamérica, “son o froito dun grande esforzo por lograr facer un congreso de carácter internacional que permita poñer en contacto a profesionais do sector, xa non só a través da súa participación coma poñentes, senón coma membros do propio comité organizador”, indica Pedro Membiela, director das xornadas.

Cunha gran experiencia previa que os avala, os organizadores do I Simposio Internacional de Ensinanza das Ciencias decidiron asumir o reto de “desenvolver un congreso online e participativo que se transmite a través dunha sala virtual, o que permite aos inscritos ver e escoitar as ponencias e mesas redondas dende o seu propio ordenador a través de sinxelos programas, así como gravalos e visualizalos en calquera momento”. Ademais, e aproveitando as vantaxes que Internet ofrece “os internautas poderán facer as preguntas que lles xorden a tempo real a través dun chat habilitado, sen ter que esperar ao final da intervención para presentar a súa dúbida”, puntualiza Membiela.

Preto de 300 participantes e máis de 250 comunicacións

293 inscritos participarán no simposio ao que se presentaron 252 comunicacións. Dese hoxe e ao longo de seis xornadas abordarase o ensino das ciencias dende diferentes puntos de vista: a investigación, a formación do profesorado, convocatorias de concursos, etc. O Simposio, no que participan profesionais de renome, é todo un reto para o ámbito xa que “está a permitir o intercambio de experiencias e iniciativas en tempo real para divulgar e educar en ciencia, moito máis alá do ámbito escolar” conclúe Membiela.