DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Botan a andar os obradoiros de Creación, Artesanía e Deseño de Esdemga

As novas promesas da moda buscan renovarse mirando cara a tradición

Durante tres días os asistentes crearán as súas propias pezas coa colaboración de modistos e artesán

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 04/07/2011

Renovarse ou morrer. Ante a imposibilidade de facerlle sombra ás producións en cadea das marcas comerciais, as novas promesas do deseño galego deben optar por buscar “o seu oco”, de aí que Esdemga, Estudos de Deseño e Moda de Galiza, organice por primeira vez o curso de Creación, Artesanía e Deseño , que inclúe a celebración de tres obradoiros nos que se mesturan conceptos vangardistas da moda con técnicas tradicionais da cestería e da creación natural de tecidos. “Debemos buscar o noso posicionamento na calidade da elaboración e do deseño das prendas, procurando sempre diferenciarnos e achegar un valor engadido”, explica Lola Dopico, directora de Esdemga.

Dopico fala da emerxencia dun novo concepto do luxo vinculado á artesanía, “que cada vez está máis no día a día da moda”. Agora ben, recoñece que en España, a diferenza doutros países situados no Norte de Europa, “hai unha desconexión histórica entre o deseño e a artesanía polo que aquí non se dan exemplos de unión destas dúas fórmulas de traballo”. Deste xeito, a directora de Esdemga sinala a necesidade “de mirar cara este lado” e procurar idear deseños e propostas “que lle dean relevancia ao detalle, ao elaborado a man, e poñan en valor o tempo empregado”.

Así, dende este luns pola tarde ata o 6 de xullo deseñadores do mundo da moda como Carlos Díez, Nando Cornejo e American Pérez traballarán cóbado con cóbado con recoñecidos artesáns da talla de Carlos Manuel Fontales, Idoia Cuesta e Anna Champeney, para crear un proxecto común que fusione “metodoloxías de traballo que se acaban retroalimentando”.

Conseguir un bikini feito de fibras vexetais

Un dos obradoiros está dirixido polo modisto Carlos Díez e polo cesteiro Carlos Fontales no que tratarán de afastarse “da globalización e do feito de ir todos vestidos como calcomanías”. Díez destaca a importancia de crear un deseño de forma artesanal, “pois vas modificando a túa creación durante o proceso, póndolle e quitándolle en función do que ti queres”. Pola súa banda, o artesán Carlos Fontanes quere romper “esa imaxe de fabricar soamente cestos” e ampliar as posibilidades de crear “coa aplicación das técnicas a outras cuestións, de aí que un artesán de Burela deseñara uns bikinis para muller a partir de fibras vexetais”.

Accesorios de moda artesáns

“A clave está na colaboración”, comentan Nando Cornejo e Idoia Cuesta, coordinadores do segundo obradoiro. Os máis de 14 inscritos neste curso “experimentarán a creación de complementos de moda a través de técnicas cesteiras”. Para eles o atractivo desta sinerxía “é a posibilidade de recuperar a tradición para innovar e incluílo nos teus deseños e propostas contemporáneas”, explican Cuesta e Cornejo. Desta nova forma de concibir o deseño xurde o movemento Slow que Cornejo definiu como “un xeito de mirar as cousas con un aire moi repousado, lonxe das présas que caracterizan a esta sociedade contemporánea”.

Obxectos téxtiles experimentais pero funcionais

Tendo como protagonista unha pequena tecedora, Jorge Bolado e Natalia Pérez e Anna Champeney tentarán que os asistentes ao seu curso “sexan quen de crear pequenos obxectos téxtiles como cinturóns ou coxíns que sexan experimentais pero á vez funcionais”, apuntan os artistas. No seu obradoiro cobra importancia a materialización da idea, “deben crear un produto acabado no que apliquen o deseño e o concepto”, subliña Bolado, ademais da experimentación cos materias, “mesturando tecidos naturais con produtos máis do mundo cotiá como xornais, arames, fío de pescar ou bolsas de plástico”, engade Champeney.

As creacións resultado destas colaboracións presentaranse o vindeiro mércores 6 de xullo ás 16.00 horas na Facultade de Belas Artes.