DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario organizado por Funcas e dirixido polos profesores Santiago Lago e Jorge Martínez Vázqu

Novas propostas para a reforma de financiamento autonómico

A conselleira de Facenda considera necesario ter en conta o avellentamento e a dispersión na revisió

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 22/05/2014

As eivas do actual sistema de financiamento autonómico e as propostas de mellora de cara á revisión do mesmo centran estes días en Santiago de Compostela unha xornada organizada pola Fundación de Caixas de Aforro, Funcas, para achegar diferentes análises e propostas. O profesor da Universidade de Vigo Santiago Lago xunto con Jorge Martínez Vázquez, profesor da Georgia State University e doutor honoris causa pola Universidade de Vigo, dirixen este seminario que inaugurou a conselleira de Facenda xunto co director de Funcas, Carlos Ocaña. Elena Muñoz puxo o foco no avellentamento e a dispersión da poboación para denunciar que “Galicia dispón dun financiamento que está afastado do gasto total no que incorre habitualmente”. A titular de Facenda reclamou, pois, que se teñan en conta estes “factores diferenciais” na revisión do actual modelo.

O obxectivo destas xornadas, que se celebran este xoves e venres no Consello Económico e Social de Galicia, é analizar os problemas e disfuncionalidades do actual sistema de financiamento autonómico de réxime común e discutir propostas para a súa mellora. Para isto abórdanse cuestións que teñen que ver co encaixe vertical, entre os diferentes niveis de goberno, e horizontal, entre réximes común e foral do sistema, e examínanse todas as dimensións relevantes para o deseño e funcionamento dun sistema descentralizado, como nivelación, autonomía, transparencia, responsabilidade fiscal e política e sostenibilidade financeira.

O problema do avellentamento e a dispersión

Elena Muñoz, fixo referencia ao avellentamento da poboación galega e á dispersión xeográfica como “factores diferenciais” que encarecen a prestación de servizos básicos, polo que demandou unha maior ponderación dos mesmos na revisión do actual modelo de financiamento autonómico. A conselleira sinalou que o actual sistema, aprobado en 2009, non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos que prestan as comunidades, e demandou que se teña en conta o custe real da prestación destes servizos no momento en que se produza a revisión do modelo vixente. “O diferencial de custos que entraña en Galicia a prestación de servizos públicos fundamentais non está correctamente reflectido, e pon en serio perigo a sustentabilidade das súas prestacións básicas”, advertiu. Como exemplo, indicou que o avellentamento e a dispersión supoñen un sobrecuste en gasto sanitario de 500 millóns de euros máis ca media do estado. Destacou que Galicia conta cun 23,1 % de persoas maiores de 65 anos, é dicir, que "xa supera en máis dun punto a media prevista nas proxeccións do INE para dentro dunha década para "toda España". No eido da sanidade, a conselleira apuntou tamén que cada médico atende de media a 15 entidades singulares, mentres a media española está en dúas.

Pero existen outros factores no caso de Galicia, que tamén lembrou Elena Muñoz e que non están incluídos no sistema de financiamento e que tamén provocan “custos diferenciais” na prestación de servizos. Entre eles, citou os quilómetros de costa e as infraestruturas portuarias, a lonxitude da rede de estradas, os dereitos das comunidades galegas asentadas no estranxeiro, a existencia dunha lingua propia ou as actuacións en materia de prevención e extinción de incendios pola presenza dunha biomasa forestal que en Galicia triplica a media autonómica.

Elena Muñoz referiuse tamén a que o actual modelo está afectado por condicionantes como o período de recesión ou o estancamento na recadación de tributos como "causa principal e determinante do comportamento do sistema". Segundo a conselleira, estas cuestións provocaron "fortes desequilibrios nos saldos financeiros autonómicos", de xeito que o actual modelo de financiamento "non respondeu nin ás finalidades nin ás expectativas". Destacou que pese ás restricións no gasto, existen "notables aumentos do déficit e o endebedamento" das comunidades.

O director xeral de Funcas, Carlos Ocaña, pola súa banda, afondou neste acto de apertura en como mellorar a redistribución do sistema. Considera que o Fondo de Garantía por número de habitante "está basicamente ben orientado", pero percibe como "más polémico" o Fondo de Suficiencia que "foi perdendo peso". Con todo, o responsable de Funcas destaca que o problema do financiamento autonómico reside en que "os intereses das comunidades a miúdo están contrapostos". Ocaña avogou por un equilibrio entre gastos e ingresos e criticou que os mecanismos de disciplina fiscal son "relativamente débiles, e aínda que se teñen reforzado nos últimos anos, xeran problemas de cuestión do déficit".

Programa das xornadas

O primeiro dos relatores deste xoves, tras o acto de apertura, foi Ángel de la Fuente, que fixo unha análise do funcionamento do sistema actual de financiamento autonómico de réxime común ademais de realizar unha diagnose das necesidades de gasto das comunidades autónomas, instrumentos de equilibrio para nivel as achegas dende o Estado aos diferentes territorios.

Na xornada de mañá venres, os expertos centraranse na xestión dos impostos nun Estado descentralizado, en analizar se é eficiente o encaixe do sistema foral e o réxime común e na estabilidade orzamentaria e os mecanismos de control dos países descentralizados. Na derradeira sesión afondarase no sistema de financiamento autonómico e o gasto sanitario en España entre 2002 e 2012. Pecharán Santiago Lago e Jorge Martínez-Vázquez cun relatorio sobre cara onde camiña o sistema de financiamento autonómico e as súas perspectivas de cambio.