DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Noelia Cabaleiro desenvolve procedementos sinxelos para controis de calidade sensibles e r

Novas técnicas para detectar fraudes no etiquetado dos cosméticos sen alcol ou fragancias

Permiten a detección de metais e compostos en concentracións moi baixas con respecto a outras metodo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 16/04/2013
Xeles, xabóns, cremas, perfumes, maquillaxe... os consumidores demanda cada vez máis produtos neutros, libres de substancias potencialmente agresivas e o máis naturais posibles. A industria ofrécelles cosméticos libres de alcol, de aromas, de metais, etc, pero ata onde o etiquetado dos produtos se corresponde coa composición dos mesmos? Para determinar a veracidade das mesma traballa o grupo Análise de Trazas, Especiación e Metalómica da Universidade de Vigo, ao que pertence Noelia Cabaleiro. Na súa tese de doutoramento, esta nova investigadora desenvolve técnicas de detección sinxelas, rápidas e sensibles de grande utilidade tanto para industria cosmética como para os laboratorio de control de calidade.

As técnicas que Cabaleiro propón optimizan a detección de substancias como o nitrito, o formaldehido, o triclosan, o etanol ou os terpenos nos cosméticos e, segundo explica, se se establece unha comparación cos métodos empregados ata agora, “melloramos en canto ao uso de reactivos menos tóxicos e, sobre todo, no uso de volumes moi baixos dos mesmos”. Ademais mellórase de forma moi relevantes a sensibilidade, permitindo a detección de metais e compostos en concentracións moi baixas con respecto a outras metodoloxías ou métodos oficiais.

Metodoloxía innovadora para detectar o etanol

O caso da detección do etanol nos produtos cosméticos, a investigadora explica que “na actualidade non existo un método oficial para a determinación desta substancia a nivel de traza nos cosméticos”, polo que a técnica que recolle na súa tese é toda unha innovación “moi rápida, sinxela, sensible e que emprega reactivos non tóxicos a moi baixos volumes”. Un dos obxectivos do seu estudo é contribuír a unha mellora no control de calidade para, por exemplo, “evitar posibles fraudes no etiquetado de produtos 0% alcol ou de aqueles que se presentan como sen fragrancia, a pesar de ter terpenos”.

Trátase dunha técnica miniaturizada que consiste en expor nun vial pechado, unha gota de 2,5 uL (que contén unha enzima e a súa coenzima) sobre 10 mL de disolución acuosa de mostra. Durante o procedemento, a gota extrae e concentra o etanol. Unha vez finalizada a extracción, dita gota usase directamente para a medida nun fluoroespectrómetro de microvolumes.

Outras substancias

Os cosméticos sométense a múltiples análises para determinar diferentes elementos como o nitrito, o formaldehido, o triclosan, o etanol ou os terpenos. Para cada unha das substancias Noelia Cabaleiro propón diferentes técnicas como a produción dunha emulsión totalmente transparente e estable empregando un 1mL surfactante en medio ácido e uns poucos mg de mostra para identificar analitos a nivel de traza. “A total transparencia desta emulsión aproveitouse, no caso do nitrito, para producir, de forma simultánea ao proceso de emulsificación, unha reacción coloreada; a aparición de cor na emulsión indica a presenza de nitrito no cosmético”, explica.

Para a determinación de triclosan e formaldehido empregaronse ferramentas similares de emulsificación-microextracción asistida por ultrasons, baseadas na formación dun composto coloreado en 1 mL de disolución acuosa, e posterior extracción do composto en 20-80 uL dun líquido iónico ou disolvente orgánico.

No tocante aos terpenos e ao etanol empregouse a técnica de microextracción en gota, que consiste en expor unha gota de 2,5 uL de extractante sobre unha disolución acuosa da mostra. Nos caso da determinación de terpenos empregouse unha gota de albúmina e fluoresceína, e no caso da determinación de etanol empregouse unha enzima e a súa coenzima. Esa gota é a que posteriormente se analiza.

Cabaleiro conclúe que “o obxectivo foi, en tódolos casos, establecer técnicas sinxelas e miniaturizadas de cara a establecer análises moi sensibles e rápidos, que permitan a detección destas substancias en concentracións ínfimas, sobre todo no caso das substancias que poden resultar tóxicas, como o formaldehido”.