DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, inaugurou as xornadas

As novas técnicas da natación e o alto rendemento, a debate por expertos internacionais

Nun congreso organizado pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 17/10/2008

Hai só uns meses que a piscina olímpica de Pekín vía caer un récord do mundo tras outro. Detrás deses minutos, ás veces segundos, de gloria hai un duro traballo dos deportistas, pero tamén moita investigación dos seus adestradores para atopar a técnica máis eficaz. Con estas ideas comezou esta tarde o XVIII Congreso Internacional da Asociación Española de Técnicos de Natación que contou coa presenza da directora xeral para o Deporte, Marta Souto, na súa inauguración. Souto gabou esta “reunión de facultades, asociacións e federacións polo ben do deporte” e xustificou a colaboración da Consellería de Cultura e Deporte polo feito de “compartir eixos de actuación como o apoio ao deporte adaptado, a promoción de actividade física nas escolas e o impulso á formación de técnicos, tanto no deporte base como no de elite”.
Ao acto de apertura tamén asistiu o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, José María Cancela, que considerou “un aliciente” para a facultade que representa a organización dun congreso que permitirá aos estudantes “participar en foros de debate e achegarse ás últimas investigacións sobre as actividades acuáticas”. Canda eles, o profesor e coorganizador do evento, Carlos Touriño, e o presidente da Asociación Española de Técnicos de Natación, Fernando Gómez-Reino, deron a benvida aos participantes no congreso, que se extenderá ao longo de toda a fin de semana e no que se inscribiron 117 participantes.

Alto rendemento e técnicas alternativas

Logo do acto de apertura, o congreso diviuse en dous para atender ás dúas ramas que integran o programa. Na dedicada ao alto rendemento, o doutor Joao Vilas-Boas, desentrañou as aplicacións prácticas das súas investigación biofísicas para a natación. O seu relatorio foi seguido polos do profesor Raúl Arellano e Blanca de la Fuente, ambos do Centro de Alto Rendemento Sierra Nevada. Simultaneamente, a adestradora do club Fideas de Córdoba, Esperanza Jaqueti, abría a sesión no ciclo dedicado ás novas técnicas alternativas de natación. A esta intervención seguiulle a do paralímpico Xavi Torres, que narrou a súa experiencia deportiva.

Bill Furniss e Patrick Miles, na fin de semana

Coa fin de semana chegan os pratos fortes do programa. Na rama adicada ao alto rendemento, Bill Furniss, adestrador do equipo olímpico inglés, contará os segredos que aplica na preparación da campiona olímpica Rebecca Arlington o sábado. Ao día seguinte, o seu compañeiro Patrick Miles falará da súa experiencia nos Xogos Olímpicos de Pekín como peche ao congreso. En canto ao apartado das técnicas acuáticas alternativas, o sábado terá lugar o obradoiro de step acuático e o domingo realizarase o taller de watsu.
Máis información e programa completo do congreso en www.fegan.org/aetn08/index.htm