DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas a dous cursos organizados pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade

As novas tecnoloxías aplicables á docencia póñense a disposición do profesorado da Universidade

O prazo de matrícula está aberto dende esta semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 22/12/2010
O feito de que na actualidade internet esté sufrindo unha profunda transformación fai que cada vez existan máis ferramentas que permiten crear contidos dun xeito sinxelo para, posteriormente, compartilos con outros usuarios da rede. Neste contexto, a web 2.0 supón unha nova forma de deseñar, usar e pensar en internet que fai que os usuarios pasen de ser consumidores de información a participar activamente na construción das páxinas.

Por este motivo, a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade abriu esta semana o período de matrícula para dous novos cursos dirixidos ao profesorado que se desenvolverán ao longo dos primeiros meses do 2011. Tratáse dun obradoiro de Aplicacións educativas na Web 2.0, previsto para a semana do 20 ao 27 do vindeiro mes, e outro de Planificación e deseño dunha materia na plataforma TEMA dende unha perspectiva pedagóxico-práctica, que se impartirá entre os días 15 e 23 de febreiro. Nos dous casos, os participantes, ata un máximo de 20 en cada curso, recibirán un certificado de asistencia, sempre que estén presentes, polo menos, en cinco sesións completas das seis que ten o obradoiro.

Para o primeiro dos cursos, impartido por Pedro Cuesta, o prazo de matrícula remata o 18 de xaneiro, mentras que o segundo, que terá a Sonia Álvarez como docente, pecha a inscrición o 13 de febreiro. En ambos casos as xestións realízanse a través da plataforma Bubela.

Aplicacións educativas na Web 2.0

En vista de que o mundo do ensino non é alleo á importante evolución que internet está a experimentar, o primeiro dos cursos proxectados pretende dar a coñecer aos docentes as características e posibilidades das novas ferramentas, achegando exemplos e analizando as súas utilidades educativas.

Para conseguilo, o programa do obradoiro, de modalidade presencial, estrutúrase en sete partes diferenciadas que abarcan puntos que van dende os fundamentos dos blogs ata a creación dun Wiki tanto na plataforma TEMA como en Wikispaces, pasando polos pilares da Web 2.0 e os exemplos das ferramentas que esta contén.

Planificación e deseño dunha materia na plataforma TEMA

Impartido en modalidade semipresencial, o segundo dos cursos ten como obxectivo ensinar ao profesorado da Universidade a planificar as materias que imparten empregando a plataforma TEMA, creada coa finalidade de ser un complemento virtual na docencia.

Para mellorar as competencias e habilidades do profesorado, asignaráselle a cada participante no curso un espazo de proba na plataforma Claroline, de modo que poida iniciar a montaxe das materias que imparte e, ao mesmo tempo, practique con cada un dos recursos que se analicen.