A Facultade de CCSS e da Comunicación estrea o 1º mestrado de España especializado neste campo
As novas tecnoloxías, clave na proxección internacional do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional
Temas como a gobernanza ou a xestión nas Administracións son fundamentais para a formación do sector
Dobre fórmula para o éxito. A idoneidade da temática nestes momentos de crise e a modalidade online do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional “fan que teña unha proxección a longo prazo”. Así o manifestou Xabier Martínez Cobas, comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, no acto de inauguración do mestrado, que comeza a súa andaina académica neste curso 2011/2012. “O mérito destes estudos é dobre, por unha banda, abre un camiño para a proxección internacional e por outro, ofrece un produto que debería ter unha demanda inequívoca na sociedade, sobre todo no momento no que vivimos”, aclarou Cobas.
Trátase do primeiro mestrado de España especializado en dirección pública “que ademais formará a futuros investigadores neste eido dende unha óptica multidisciplinar”, explicou o profesor Xosé Mahou, un dos coordinadores dos estudos. Unha formación necesaria tanto para a cidadanía como para os líderes públicos, “pois a sociedade debería esixir que as personalidades que decidan no ámbito público teñan un nivel de cualificación moito maior e acreditado”, engadiu Cobas, de aí que unha porcentaxe elevada dos matriculados no mestrado proveñan do sector público e do mundo profesional da xestión.