DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As actividades desenvolveranse no campus e nos concellos de Bande, Celanova, Xinzo e Muíños

Novas tecnoloxías, emprendemento e tradición nun amplo abano de cursos de verán

O presuposto ascende a 67.000 euros, dos que 40.000 euros son achegados pola Deputación

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 07/06/2010

O campus xa ten a punto os seus cursos de verán para este ano. O programa de actividades inclúe un amplo abano de temáticas que van dende a enoloxía e as novas tecnoloxías ata os medios audiovisuais e a tradición etnográfica englobados nun total de 14 cursos a desenvolver no campus e nos concellos de Bande, Celanova, Xinzo de Limia e Muíños. O vicerreitor en funcións, Juan Francisco Gálvez, subliñou no acto de presentación o elevado número de cursos, “que fai que sexamos o campus da Universidade de Vigo con máis cursos de verán” ao tempo que agradeceu o apoio económico da Deputación Provincial de Ourense a esta iniciativa. Segundo as súas palabras, “o presuposto dos cursos deste ano ascende a 67.000 euros, dos que 40.000 euros foron achegados pola Deputación. É importante subliñar que sen este apoio non poderíamos ofertar esta cantidade de actividades”, declarou.
O presidente da Deputación, José Luis Baltar, pola súa banda, amosou o apoio da institución que preside á Universidade de Vigo e, en concreto, ao campus de Ourense porque, segundo afirmou, “a mellor industria que ten Ourense é o campus” e animou á vicerreitora electa, María Lameiras, presente no acto, a seguir traballando para incluír máis e novas actividades na programación dos cursos de verán do vindeiro ano académico. Ao acto asistiron tamén o alcalde de Celanova, Antonio Mouriño e o xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido.

Fiscalidade, arqueoloxía, enoloxía e novas tecnoloxías

O curso máis inmediato a celebrar dentro da programación de actividades é o que trata da Fiscalidade sobre a renda das persoas físicas, dirixido polos profesores Alberto Vaquero e Fidel Picos e que se desenvolverá durante os días 8 a 15 de xuño no Edificio Xurídico-Empresarial. Para este mes de xuño hai previstos outros tres cursos máis sobre arqueoloxía –un curso práctico de metodoloxía arqueolóxica dirixido polo profesor Fermín E. Pérez Losada-, enoloxía –unha cata de viños, augardentes e licores dirixida por María del Carmen Pérez e Esperanza Fernández- e novas tecnoloxías –o estudo das ferramentas de seguridade en GNU/Linux impartido polo profesor Francisco José Ribadas e un curso sobre a web 2.0 para empresas e negocios a cargo de Enrique Barreiro e Francisco Javier Rodríguez-.
O mes de xullo comezará cun curso sobre cine e televisión dirixido por Miguel Anxo Fernández que se desenvolverá durante os días 7 a 9 de xullo en Celanova. O alcalde da vila, Antonio Mouriño, valorou positivamente a celebración desta actividade nun concello que, segundo dixo, “posúe unha fonda ligazón co mundo do cine”. O xerente da Fundación Carlos Casares, Gustavo Garrido, pola súa banda, lembrou que este curso chega este ano á súa sétima edición e revelou que no mesmo intervirán ata 30 relatores entre actores, directores e persoas vinculadas ao mundo audiovisual “que analizarán os profundos cambios que se están a dar tanto na televisión como no cine e que fan que os estudantes que saen agora ao mundo laboral atopen un panorama moi distinto ao que había cando empezaron a súa formación”, declarou.
Os cursos seguiranse a desenvolver ata o mes de novembro afondando noutras temáticas como o entroido, o emprendemento, a educación ambiental e as redes sociais, entre outras.

Máis de 2.500 estudantes pasaron polos cursos de verán

O vicerreitor Gálvez revelou na súa intervención que nos últimos catro anos o número de cursos de verán do campus aumentou de 8 a 14 e afirmou tamén que, neste período, “celebráronse 37 cursos polos que pasaron máis de 2.500 estudantes, unha cifra que está preto do 50% dos estudantes do campus de Ourense, cuxo número ascende a 5.100”, sinalou. Gálvez aproveitou tamén o acto para despedirse do presidente da Deputación ao que agradeceu o seu apoio ás actividades do campus xa que nestes últimos catro anos investiu 1.423.000 euros na institución académica. Segundo as súas palabras, “o campus deixa na cidade 30 millóns de euros anuais polo que oxalá todas as institucións sexan capaces de crer e de investir en educación”, declarou. José Luis Baltar, pola súa banda, agradeceulle ao vicerreitor en funcións o traballo desenvolvido durante estes anos e revelou que o apoio e o investimento da Deputación no campus seguirá adiante “por ser un elemento dinamizador da nosa provincia”, declarou.