DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Ciencias Xurídicas e do Traballo coa participación de 130 docentes

As novas tecnoloxías e os métodos de implicación do alumnado centran a IV Xornada de Innovación educativa

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
S. Alcázar DUVI 11/12/2009

As novas tecnoloxías aplicadas ao ensino e a implicación do alumnado no desenvolvemento das actividades propostas polos docentes foron o eixo da IV Xornada de Innovación Educativa que tivo lugar este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizadas pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa. O seminario acolleu a máis de 130 docentes, algúns deles encargados de expoñer as súas experiencias resumidas nun total de 60 relatorios nos que deron a coñecer as dificultades e logros acadados cos seus proxectos e iniciativas, que serviron como exemplo para outros docentes que están a poñer en práctica os seus propios métodos. As propostas presentadas nesta xornada axudan a dar paso a novos modelos de docencia que empregan innovadoras formas de aprendizaxe baseadas na tecnoloxía como principal ferramenta para o ensino, que permite unha maior dedicación aos alumnos por parte dos profesores e incrementan a interacción entre eles. Pola súa banda, os novos métodos aportan moitas vantaxes e un maior grao de motivación aos estudantes posto que están máis involucrados no desenvolvemento de proxectos e contan con ferramentas que lles permiten organizar o seu tempo de estudo segundo as súas conveniencias e intereses.

Métodos baseados na docencia remota

A presenza do profesor e alumnos nas aulas xa non é imprescindible para transmitir os contidos dunha materia grazas ao apoio das novas ferramentas. O proxecto presentado conxuntamente por Ignacio Armesto e Vicente Goyanes introduciu os relatorios centrándose no emprego das tecnoloxías audiovisuais en rede no eido da Enxeñaría Industrial. Armesto amosou o éxito acadado cun proxecto pioneiro iniciado hai dous anos servíndose do servizo de televisión por internet da Universidade para establecer un modelo de docencia máis flexible no que os alumnos poden participar de forma presencial ou remota a través de videoconferencia. Este método permite a todos os interesados acceder ao material didáctico en calquera momento directamente da páxina web ou ben descargando o contido de iTunes U, plataforma na que se atopa Uvigo-Tv. A Iniciativa máis recente baséase na polimedia, que Armesto definiu como “pílulas de coñecemento” dirixidas aos alumnos, que tamén empregan este sistema para a realización das súas propias presentacións. Por outra banda, Antonio Carvajal propuxo a plataforma Moodle para impartir de forma virtual un curso pertencente ao programa do mestrado Metodoloxía e aplicacións en Ciencias da Vida. “Con este método o estudante pode acceder aos diferentes contidos nos que se estrutura o curso amais de aplicar os coñecementos adquiridos mediante a realización de cuestionarios e casos prácticos” argumentou Carvajal, que ao igual que Ignacio Armesto, destacou a flexibilidade que proporciona tanto a profesores como a estudantes o emprego da docencia virtual.

Proxectos que implican ao alumnado

No segundo bloque de relatorios Mª José Bravo expuxo o desenvolvemento dun proxecto piloto posto en marcha nas súas clases de Common Law baseado na participación dos alumnos, que divididos en pequenos grupos, debían desenvolver de forma coordinada e integradora as diferentes tarefas encomendadas pola docente, que apuntou que a pesares de ser moi boa iniciativa “o gran número de alumnos presentes nas aulas dificulta enormemente a realización deste tipo de exercicios”. Así mesmo, Bravo destacou que se trata de métodos de ensino que requiren moito esforzo por parte dos docentes, posto que precisan de moita organización e atención exclusiva aos alumnos para realizar o seu seguimento. Compartindo esta filosofía, Rafael Fernández propuxo un xogo de rol no que convidaba aos estudantes de Responsabilidade Administrativa a poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos mediante a fiel reprodución dun xuízo no que os estudantes debían adoptar os papeis da parte demandada, a demandante e o órgano xurídico. A conclusión destas intervencións puxo de manifesto que os métodos nos que os alumnos son os protagonistas supoñen un alto grao de motivación para eles, posto que dispoñen dunha forma diferente de aprendizaxe e involúcranse no desenvolvemento das materias.

As actividades de innovación educativa recollidas nunha publicación

Os asistentes ás xornadas foron agasallados co libro Propostas innovadoras na docencia universitaria, cun contido que recolle diferentes proxectos desenvolvidos por profesores dirixidos a influír positivamente na metodoloxía de ensino doutros docentes. Con esta publicación auméntase a colección de libros sobre formación e innovación educativa que a Universidade pon a disposición do profesorado para facilitar o seu labor docente. Para clausurar este encontro o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, propuxo unha xuntanza á hora de xantar para o intercambio de máis vivencias e opinións dun xeito máis extenso e informal entre os asistentes ao evento.