DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha báscula conectada a internet permite aos médicos o control remoto do peso

Novas tecnoloxías que melloran a calidade de vida dos enfermos crónicos

Iniciativa de Wireless Galicia, a ETSE de Telecomunicación e o Juan Canalejo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/02/2008

Pacientes que sofren unha enfermidade crónica verán mellorada a súa calidade de vida coa utilización dun sistema que permitirá o control médico das súas patoloxías a través dunha báscula conectada ao teléfono móbil mediante o uso de tecnoloxía Bluetooth.
O sistema, froito do traballo conxunto do servizo de informática do Hospital Juan Canalejo de A Coruña, a empresa Wireless Galicia e o Grupo de Tecnoloxías da Información da Escola de Telecomunicación da Universidade de Vigo, permitirá aos facultativos do centro coruñés controlar os parámetros dos pacientes sen que estes teñan que desprazarse ao hospital. A fiabilidade tecnolóxica e o menor prezo, respecto doutros sistemas existentes no mercado, son dous dos trazos máis salientable deste proxecto de telemedicina.

Economía e fiabilidade

Así o destaca Francisco Javier González Castaño, coordinador do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), adscrito ao departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo. “O hospital precisa que se lle garanta a fiabilidade dos datos que recibe, algo que non é posible con outros sistemas. Ademais está o elevado prezo do equipamento de laboratorio que está fóra do alcance das economías domésticas".
Esta non é a única experiencia do grupo GTI no campo da telemedicina e máis concretamente no caso concreto de tratamentos que requiren da utilización de radioterapia. Co CESGA, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e a Universidade de Santiago, o grupo que coordina Francisco Javier González Castaño, desenvolve un traballo que ten como obxectivo a transmisión de datos para o cálculo de tratamentos de radiación en supeordenadores.
No caso do sistema desenvolvido co Hospital Juan Canalejo e a empresa Wireless Galicia, o Grupo de Tecnoloxía da Información, volve aportar a súa experiencia traballando con redes sen fíos. “Mentres o hospital encárgase da parte médica, e Wireless interpreta os datos, nós ocupámonos da tecnoloxía no caso do paciente”.

Modus operandi do sistema

Vía móbil, o enfermo recibirá indicacións de cando debe pesarse, evitando desprazamento ao hospital para realizar esta operación. “A idea é que os aparatos médicos poidan estar na casa do paciente, evitando así desprazamentos e polo tanto mellorando a súa calidade de vida e benestar”, afirma Francisco Javier González Castaño que xunto a Felipe Gil, José Carlos García e Daniel Rodríguez, traballaron no seo do grupo GTI no sistema.
A báscula que poderá comezar a ser utilizada por pacientes crónicos en tan só uns meses, podería ser adquirida nun futuro en locais comerciais.

O grupo GTI

Adscrito ao departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo, o grupo de Tecnoloxías da Información centra o seu traballo na investigación na área da enxeñaría telemática, a realización de desenvolvementos competitivos para transferencia tecnolóxica ás empresas e formación avanzada en tecnoloxía da información.
A respecto do seu traballo no campo das tecnoloxías de redes sen fíos o grupo GTI ten desenvolvido importantes proxectos con aplicacións eminentemente prácticas como son as comunicacións en vehículos para, por exemplo, coñecer o estado das estradas, ou comunicacións e xestión de emerxencias no mar.
Máis información sobre o grupo GT I en: http://enigma.det.uvigo.es:8080/gti/