DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inocencio Arias foi o primeiro convidado do ano ao ciclo de conferencias da Cátedra Almirante Álvare

As novas tecnoloxías reducen o papel da diplomacia

Tamén afondou nas capacidades que debe ter un bo profesional

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 09/02/2011

Máis de 40 anos de carreira diplomática dan para moito que contar. Este é o caso de Inocencio Arias, famoso diplomático español, recentemente xubilado, que impartiu un relatorio, dentro do ciclo de conferencias organizado pola Cátedra Almirante Álvarez Ossorio, sobre as súas experiencias e historias vividas nos distintos cargos que asumiu en representación do Goberno de España. El mesmo retratouse como “un funcionario con enorme sorte profesional con vocación de traballar no estranxeiro ao servizo de España e dos españois” e destacou a perda da importancia da diplomacia ante o desenvolvemento das novas tecnoloxías ademais de definir o bo profesional, primando “a súa lealdade ao goberno".

Inocencio Arias quixo resaltar nun primeiro termo a perda paulatina que está sufrindo o papel do diplomático pola proliferación e desenvolvementos das novas comunicacións, o que deriva nunha redución da súa autonomía e da súa capacidade de improvisación, cunha imposición de seguir as instrucións dadas “ao pé da letra”. Como ben apuntou o conferenciante, “moitas veces quedaba reducido a repetir todo o que querían que dixera desde Madrid, sentíndome como un papagaio”, pois internet ou o teléfono móbil fixeron que o contacto fose inmediato “vivindo as cousas no momento a pesar distancia”. Aínda que resaltou esa diminución da importancia da diplomacia, non quere dicir que se eliminara de todo.

Lealdade ao Goberno

Avalado por unha dilatada carreira diplomática, Arias especificou as capacidades que debe asumir un bo diplomático porque “sempre se está representando ao país ao que se pertence”. Por riba de todo sinalou a lealdade ao Goberno, seguindo as ordes que establezan, independentemente de se persoalmente se está ou non de acordo. “Durante a guerra de Iraq, como aliados de Estados Unidos, estábamos a favor da intervención polo que tiven que asumir instrucións incómodas dentro dunha ONU dividida”, exemplificou. Pero a lealdade non soamente implica obedecer, senón ser “completamente fiel, dicir a verdade, a realidade da situación aínda que sente mal”. De novo recorreu ao caso da guerra de Iraq recoñecendo ante representantes de Estados Unidos e España que segundo as súas fontes non ían conseguir os apoios necesarios para que a ONU aprobase unha resolución a favor do conflito armado.

Neste contexto da lealdade fixo fincapé na organización WikiLeaks e na súa publicación de 251 mil telegramas secretos da embaixada americana. Para Arias esas filtracións non poñen en evidencia a falta de ética da diplomacia americana, á que definiu de seria, rigorosa e fiel ao seu país, porque se trata de “escritos privados claros e sinxelos que amosan un bo traballo e que poñen nunha mala situación aos países dos que se falan nesas notas”, puntualizou.

Continuando coa definición dun bo diplomático destacou a necesidade de ser íntegro e veraz, ademais de ser preciso e rigoroso na redacción de documentos pois “algo moi ambiguo pode ter as súas consecuencias, ata producir unha guerra”. A modestia e a calma tamén son imprescindibles xa que “nunca se debe esquecer que estamos representando un país e se nós quedamos mal, España queda mal”.

Sentido do humor

Pero sobre todo, un profesional da diplomacia debe ter sentido común e por extensión, sentido do humor, “pero dentro dun límite, sen facer o pallaso”. Con respecto a isto contou unha anécdota que arrincou as risas de todo o auditorio. Atopábase convidado a unha cea de gala, pero ese día o Real Madrid, do cal se confesa gran seguidor e do que chegou a ser director xeral, xogaba co Atlético de Madrid, polo que optou por levar unha pequena televisión portátil. “Convertinme en tema de conversación e chegoulle aos oídos ao rei de que tiña un aparatiño polo que se me achegou unha muller para dicirme que de parte da súa maxestade se lle podía prestar a televisión para acabar de ver el o partido”.

Por último resaltou a importancia de respectar a cultura e as “supersticións” de todos os convidados, tendo pleno coñecemento de protocolo para “non caer en roces innecesarios”. Exemplificouno coa afirmación “de nunca sentar 13 persoas á mesa, porque hai xente que pensa que pode desencadear en algo malo”, concluíu.