DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun convenio coa Consellería de Cultura e Turismo

Novas tecnoloxías para solucionar vellos problemas

O grupo de Novos Materiais limpará con láser o Claustro da Catedral de Compostela

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 30/07/2010

O friso renacentista do Claustro da Catedral de Santiago será o lugar de traballo nos vindeiros doce meses do grupo de investigación de Novos Materiais dirixido pola profesora Betty León. Grazas ao un convenio de colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo aprobado este xoves no Consello da Xunta, estes investigadores serán os encargados de facer probas de limpeza con láser desta parte do monumento. Segundo explica a catedrática do Departamento de Física Aplicada, este método ofrece, fronte aos mecánicos e químicos empregados habitualmente, a vantaxe de non danar o granito nin destruír os finos detalles esculpidos na súa superficie.

Este proxecto terá unha duración de 12 meses, un orzamento de 70.000 euros a través da Dirección Xeral de Patrimonio e permitirá non só facer probas da limpeza, senón tamén a realización de comparacións fronte a métodos convencionais así como a aplicación dun método de monitorización do grao de limpeza a medida que se está limpando.

Para o grupo de investigación, explica Betty León “a sinatura deste convenio danos a oportunidade de demostrar na práctica que podemos resolver este problema ata agora irresoluble” e, ademais, “pretendemos demostrar que a limpeza láser non só é mellor que os métodos convencionais, senón que pode tamén ser economicamente viable.

Unha patente fronte á cera

Este método de limpeza con láser está pendente de aprobación definitiva como patente en USA e terá que loitar no claustro da Catedral compostelá contra a cera de abella fundida empregada nos anos 60 para protexer este patrimonio e impermeabilizalo da choiva. Este tratamento repercutiu moi negativamente no granito do claustro porque o granito non só a absorbe a humidade e “pola súa cara exterior senón por todas as superficies”. Esta humidade que sae con condicións climatolóxica benévolas “arrastra sales minerais que se acumulan baixo a capa de cera, facéndolle perder consistencia ao granito”. Por mor deste tratamento de impermeabilización, moitas capas superficiais do granito tratado con cera comezan xa a descuncharse.

A vantaxes do láser

Fronte aos métodos mecánicos ou químicos que se adoitaban usar, o láser está a convertese na mellor alternativa na limpeza de monumentos e patrimonio histórico, sobre todo ao reducirse nos últimos anos o custe e tamaño destes equipos. O sistema de limpeza ofrece ante os métodos tradicionais vantaxes como “o control sutil da velocidade de remoción, a posibilidade de focalizar o haz en zonas microscópicas ou tratar grandes superficies”. Ademais, a diversidade de tipos e cores da luz láser permite seleccionar as condicións óptimas para a eliminación de capas específicas de material, sen afectar ás outras capas que se queren conservar. Para Betty León, “as probas in-situ de limpeza láser constitúen a culminación de 6 anos de investigación” e demostran a validez das novas tecnoloxías na resolución de problemas habituais e cotiás. “Se as probas resultan exitosas, poderase aplicar a outros monumentos como a fachada de San Martiño Pinario, a Colexiata de Sta. María do Campo da Coruña e incluso ao Pórtico da Gloria, que ten algunhas partes recubertas de cera.

Un grupo de traxectoria excelente

En total no grupo de Novos Materiais traballan 20 investigadores en diversos proxectos con financiamento europeo e nacional en campos como a nanotecnoloxías, a opto-electrónica ou as células solares e no desenvolvemento de novos materiais e procesos para mellorar implantes dentais e ortopédicos.

A investigación centrada na limpeza do granito con láser botou a andar hai seis anos da man da propia Betty León, o profesor Stefano Chiussi e Aldara Pan, en colaboración coa empresa Tomos Conservación Restauración SL. Precisamente a tese de doutoramento de Aldara Pan centrouse neste campo e rematou con probas e limpeza dun fragmento do friso afectado por este problema e obtendo un sobresaínte cum laude por unanimidade do tribunal.

O problema da cera en granito non se estudara previamente, polo que o grupo realizou un traballo de investigación e innovación importante, dado que os láseres comunmente empregados na limpeza de monumentos non valen para eliminar a cera sobre granito. “Tivemos que probar distintas lonxitudes de onda, é dicir "cores" de luz, para conseguir finalmente a eliminación da cera con luz láser ultravioleta, sen danar a superficie de pedra e optimizamos todos os parámetros do proceso”, explica a catedrática.

Ademais, neste proceso de investigación tamén desenvolveron unha metodoloxía por espectroscopía Raman para detectar, identificar e medir o espesor de capa de cera antes e despois da limpeza, sen tomar mostras, de forma non destrutiva. “A combinación de ambos desenvolvementos”, conclúe a investigadora, “confírenos o alto grao de innovación reivindicado na patente”.