DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame está promovido polo Campus do Mar coa colaboración de Marine Instruments e Inova Consultor

Novas tecnoloxías para vivir unha vellez segura, premio Marine Inova

Iván Gómez foi o gañador dun galardón que quere promover a innovación e o emprendemento entre o alum

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 22/11/2012

Un dos grandes problemas aos que se enfronta a sociedade co avellentamento progresivo da poboación é que moitos dos maiores teñen que vivir sos, cos riscos que iso supón. Iván Gómez quere poñerlle remedio, por iso leva un ano traballando nun sistema de recoñecemento de accións humanas mediante visión artificial que permita facer un seguimento das persoas e, por exemplo, facer unha chamada a emerxencias en caso de producirse unha caída. Unha busca de solucións que gañou o galardón á innovación tecnolóxica do Premio Marine Inova 2012, promovido polas empresas Marine Instruments e Inova Consultores en colaboración co Campus do Mar. Este premio, dotado de 3000 euros e a posibilidade dunha bolsa para seguir desenvolvendo o proxecto, a Universidade de Vigo quere “dinamizar a excelencia, fomentar a innovación tecnolóxica e apoiar o espírito emprendedor do alumnado” contando coa “complicidade” de empresas privadas que tamén buscan “crear oportunidades para reter ao noso talento”, como explicou o reitor Salustiano Mato.

A orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e a innovación foron os que fixeron que Gómez acadara o premio. O proxecto deste enxeñeiro informático de 27 anos naceu co obxectivo de desenvolver un sistema capaz de analizar a información recadada a través de vídeo ou de outro tipo de sensores para poder facer un seguimento e incluso unha previsión das accións e comportamentos das persoas. Todo mantendo a privacidade dos suxeitos, xa que se trata dunha “técnica non invasiva” na que o sistema procesa as imaxes, analízaas e destrúeas sen gardar ao acabar. “O mellor é a tecnoloxía xerada, que ten unha transversalidade moi grande que se pode aplicar a campos como a bioloxía”, salientou o gañador.

Transversalidade e versatilidade

Foi esa posible aplicación a diversos campos o que levou a Iván Gómez a facer unha estancia no Instituto Gulbenkian de Ciencia de Lisboa comprobando o uso desta tecnoloxía en bancos de peixes. “Analizar o movemento dos animais pode axudar a ter un maior coñecemento de aspectos como a pesca ou a prever catástrofes naturais, como no caso do tsunami de Xapón. Os mariñeiros xa alertaran que nas últimas semanas pescaran peixes de augas profundas en augas moi superficiais”, recordou Gómez, pertencente ao Grupo Medical Informatic and Learning Environments (MILE) da Universidade de Vigo. O maior custe desta iniciativa está no traballo previo, creando algoritmos; levalo á práctica é máis doado, xa que “non suporía un gran desembolso económico colocar cámaras e un servidor para probar o funcionamento nunha situación real”.

Recoñecemento ao esforzo

Para impulsar a innovación e que repercuta no sector produtivo é fundamental a unión de institucións e entidades privadas. “Este premio vaise consolidando golpe a golpe. Para nos é unha satisfacción aportar un gran de area e que este premio anime a persoas como Iván a seguir adiante a pesar dos nubarróns que temos enriba”, argumentou Alberto Casal, director de Inova Consultores. Unha idea que comparte Carlos Groba, director de I+D de Marine Instruments, para quen hai “xente con moito talento na Universidade de Vigo” e o certame anima “a eses alumnos curiosos aos que lle gusta facer cousas a investigar”. Gómez corrobórao: “É o recoñecemento a un esforzo e axudar a seguir empurrando ata o final a pesar dos momentos duros. É de agradecer que Campus do Mar e as empresas apoien a investigación nos tempos complicados que corren”.

Premio Marine Instruments 2013

Co 2012 xa pechado, comeza a pensarse na seguinte convocatoria: o Premio Marine Instruments 2013. Ata o 25 de xaneiro os estudantes interesados en participar facer a preinscición na propia web do Campus do Mar para dar a coñecer proxectos innovadores no campo da electrónica, das comunicacións e da tecnoloxía mariña. Xunto coa posibilidade de facer prácticas na empresa Marina Instruments, nesta ocasión concederanse dous premios en metálico de 3000 euros, un para o mellor traballo de innovación tecnolóxica mariña e outro para un proxecto emprendedor innovador no ámbito tecnolóxico. A presentación da candidatura poderá facerse ata o 22 de abril incluíndo currículo, memoria do traballo e desenvolvemento.