DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un curso de formación afondará nas metodoloxías do EEES que xa empregan os docentes

Novas teorías pedagóxicas que non son tan novas

O profesorado é motor clave para a reforma educativa que impón o novo marco europeo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 02/02/2011
“No marco da reforma do EEES fálase moito de novas teorías pedagóxicas, cando en realidade o profesorado xa leva traballando moitos dos seus aspectos desde hai tempo, pero non dun xeito tan visible ou explícito”. Así describe a profesora Berta Paz o reto ao que se enfrontan os docentes coa reforma educativa e que debullará polo miúdo no campus de Ourense no curso de formación de persoal docente Das Teorías Pedagóxicas á Práctica Docente no Marco do EEES.

O curso, organizado pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, tratará de identificar os elementos metodolóxicos claves antes, durante e despois das clases e achegará solucións creativas ás novas situacións de ensino-aprendizaxe. A formación abordarase desde unha perspectiva crítica e moi práctica, traballando as posibles accións que se poden emprender a partir da reflexión sobre os novos roles do profesorado universitario.

A idea e a necesidade de realizar este curso xurdiu, segundo explica Berta Paz, porque noutros obradoiros similares “os docentes explicaban moitas accións que realizaban nas aulas como algo anecdótico, cando en realidade eran cousas que teñen un fundamento teórico e se enmarcan dentro das esixencias da EEES”. Deste xeito, subliña, aspectos como o traballo colaborativo, o rol do profesor como titor, o uso das novas tecnoloxías ou as novas formas de avaliación que impón o marco europeo xa se veñen desenvolvendo nas aulas da man dos profesores máis implicados.

“É fundamental que os docentes valoren as prácticas pedagóxicas que xa están realizando” sinala Paz. Ademais desta autovaloración, a profesora tamén recalca a importancia de que a calidade docente sexa recoñecida externamente pois, explica, “sempre xorde a problemática de que ser un bo docente require tempo, tempo que non vai ser valorado no curriculo do docente igual que se o dedica á investigación”.

Competencias transversais

Entre os elementos do novo marco pedagóxico está a avaliación do alumnado, concretamente a avaliación de competencias que non se circunscriben a contidos concretos das materiais, senón a habilidades do alumno. Para formar ao profesorado nesta cuestión tan importante para os estudantes, o campus de Ourense acollerá o 21 de febreiro o curso de formación do profesorado Avaliación de Competencias Transversais.

O obxectivo deste obradoiro é facer reflexionar aos asistentes sobre a problemática do desenvolvemento e avaliación de competencias transversais ao longo do plan de estudos e achegar criterios e ferramentas para desenvolver esta tarefa de xeito eficiente. Segundo sinalan os seus organizadores, o proxecto de construción do Espazo Europeo de Educación Superior puxo sobre a mesa o reto de formar titulados cun maior dominio de certas competencias transversais que se consideran imprescindibles para o seu exercicio profesional futuro, como a comunicación oral e escrita, o traballo en grupo, a aprendizaxe autónoma ou o liderado, por exemplo.

Esta cuestión provoca moitos interrogantes para os docentes, interrogantes tales como se o alumnado debe adquirir estas habilidades antes ou durante a formación universitaria ou, se é unha responsabilidade tamén da universidade, como se avalía. O curso de formación docente que organiza a Universidade de Vigo e impartirá o profesor Francisco Calviño intentará botar luz sobre estas cuestións.