DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese de doutoramento analiza o tratamento destas noticias nos medios de comunicación

As novas sobre violencia de xénero ofrecen demasiados detalles escabrosos e banais

Beatriz Martínez salienta que, a pesar de existir un extenso corpus deontolóxico, os profesionais no

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 10/06/2011

O xornalista debe asumir a súa responsabilidade sobre a información que publica, sobre todo no caso de temas “delicados” que poden ferir a sensibilidade dos lectores. Un caso que en xaneiro de 2009 copou todo o interese dos medios de comunicación foi o chamado “caso Marta del Castillo”, punto de partida da tese de doutoramento da investigadora Beatriz Martínez, quen destacou “o circo mediático que se organizou arredor da búsqueda da moza” o que a levou a interesarse pola cobertura informativa da violencia contra a muller.

Foi durante a análise destas novas cando a investigadora se decatou que en numerosos casos se dá un tratamento “banal, frívolo ou sen delicadeza, facendo da noticia un espectáculo con referencia a detalles escabrosos e recorrendo ao morbo” ademais de “botar man dos estereotipos ao falar das causas ou circunstancias dos feitos”. Algo ao que hai que engadir unha falta de contexto e precisión, “especialmente ao referirse aos actos xudiciais”, unha tendencia a xustificar ou minimizar as agresións, unha escasa referencia aos servizos de atención e auxilio á muller e un “abuso de testemuñas banais e falta de fontes expertas”. Esta mala praxe pode cooperar ao "efecto chamada, producindo uns resultados contraproducentes moi afastados da concienciación da gravidade destes actos” e que, en cambio, non se traduce “nun afondamento no tratamento do problema, nun cambio da calidade da información nin nunha mellora do interese nas enquisas do CIS”.

Falta especialización

Ao longo desta investigación, Martínez analizou tamén o que os códigos deontolóxicos apuntaban sobre o tema foron e a conclusión foi que, “a pesar das numerosas recomendacións publicadas sobre o tratamento deste tipo de informacións, os xornalistas non as cumpren, porque fai falla preparación para lograr unha mellora no achegamento destes sucesos”. Aínda que tras falar cos xornalistas que se encargan deste tipo de noticias a investigadora detectou a sensibilidade e responsabilidade que mostran con respecto á violencia de xénero e “unha vontade de traballar por facer as cousas ben, con deberes éticos ben asentados e asumidos”, tamén destaca a falta de especialización, pois “non teñen unha preparación concreta e axeitada para este tipo de novas, tratando a información como un suceso habitual”. Engade ademais que, a pesar da cantidade de ferramentas deontolóxicas á súa disposición, “os xornalistas non parecen coñecer as súas recomendacións ou non afondaron nelas”.

Presenza dos códigos deontolóxicos

A pesar da súa falta de aplicación, a investigadora recalca a existencia dun corpus deontolóxico moi extenso. Todos os documentos teñen en común a definición de violencia contra a muller “como un problema social e un atentado contra os dereitos humanos”, ademais de consideracións sobre a forma, o tratamento da información e o modo de identificar aos implicados nos feitos. Sen embargo, non existe unanimidade en determinadas cuestións, o que provoca desacordos en aspectos como na identificación do agresor, pois “para algúns deles está por riba do respecto á intimidade”; na forma de describir os feitos, “achegando detalles que poden fomentar a atención morbosa”; ou na promoción da denuncia como medio para acabar coa violencia, xa que “uns prefiren incentivala e outros optan por ser máis cautos”.

O certo é que se informa máis e mellor que antes da proliferación dos códigos deontolóxicos, pero “o obxectivo está agora en loitar pola calidade, polo rigor, pola contextualización e pola búsqueda da verdade”, conclúe Martínez.