DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores preséntase o documental ‘Un ano polo río Gafos’, realizado por estudantes do campus

As novas xeracións do audiovisual proxéctanse na cidade

Froito dun convenio de colaboración entre a Universidade e a Asociación Vaipolorío

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 23/05/2012

A culminación dun traballo “ben feito”. A Casa das Campás acolle este mércores ás 20.30 horas a presentación pública do documental Un ano polo río Gafos, realizado integramente por alumnado de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co apoio e asesoramento da Asociación Vaipolorío. Esta produción, que recolle un ano de imaxes do río, é a culminación “dun excelente traballo profesional dos estudantes”, lembra o profesor Paulino Pérez, responsable da iniciativa que se enmarca dentro dun convenio asinado pola Universidade coa devandita asociación co fin de realizar pezas audiovisuais comprometidas coa conservación do río e da paisaxe que o envolve.

Dada a calidade e o rigor documental do proxecto, a Asociación Vaipolorío decidiu distribuír a peza entre organizacións e centros escolares da contorna para concienciar da necesidade de “coidar o que nos rodea e para reivindicar que o río segue existindo”. O primeiro paso desta estratexia de divulgación é esta presentación pública do documental na Casa das Campás, “unha oportunidade para que o noso traballo sexa visto pola cidadanía e comproben de primeira man o nivel da facultade e o grao de preparación dos seus titulados, listos para incorporarse ao mundo laboral”, salienta Bibiana Juanes, directora da produción e alumna do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais da Universidade. Considera que o estudante está moi habituado “a que as súas propostas fiquen entre as catro paredes da facultade” polo que esta estrea supón unha experiencia “diferente, moi emocionante e enriquecedora”.

Un ano de traballo

Os verdadeiros protagonistas deste proxecto son Bibiana Juanes, Ana Eiras, Alba Roca, Inma Vilanova, Alberto Álvarez, Adrián Carrón, Pablo Lamosa, Pablo Pecatiello, Antía Miranda, Óscar Varela, Tati Trillo e Iria Vello, titulados e estudantes de último curso de Comunicación Audiovisual. Algúns deles non poderán estar presentes na estrea oficial da peza xa que se atopan fóra de Galicia e “ata de España” ampliando os seus estudos. Non obstante, os ausentes estarán representados pola súa compañeira Bibiana Juanes nun acto “que amosa un verdadeiro traballo de calidade logo dun ano de entrega”. Tanto é así que segundo confirma a propia Juanes, profesionais do sector xa visualizaron o documental “e todos coinciden no alto nivel, na calidade da imaxe e dos planos recollidos”, ademais do tempo de dedicación, xa que, a pesar de ser unha única peza, “tivo un tempo de gravación moi amplo ao recoller os cambios do río ao longo das catro estacións”.

Para este documental o alumnado de Comunicación Audiovisual contou coa colaboración do coñecido actor Ernesto Chao “que xa tiña traballado con nós noutras ocasións”, facendo de avó doutro actor novel, Antón Xurís, a quen lle conta a historia e os cambios do río. Traballar con actores profesionais tradúcese “nun importante apoio ás novas xeracións do audiovisual”, unido ao feito de que a súa imaxe “axuda á promoción das nosas pezas”.

Os membros da Asociación Vaipolorío xa manifestaran a súa satisfacción co resultado final tras un primeiro visionado en privado o pasado mes de xaneiro. O seu presidente, Gonzalo Sancho, destacara por riba de todo a mensaxe reivindicativa sobre a falta de respecto do home coa súa contorna, “reflectindo as consecuencias das obras do AVE na paisaxe ou os vertidos de lixo que se acumulan na beira do río”.