DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na XIV edición dunhas xornadas destinadas a estudantes de mestrado presenten os seus TFM

As novas xeracións de especialistas en neurociencia amosan o seu potencial científico

60 investigadores participan neste congreso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 20/07/2018

O Mestrado Interuniversitario de Neurociencia é pioneiro en Galicia na organización dunha xornada conxunta para que os seus estudantes presenten os traballos fin de mestrado. Hai 14 anos que comezaron a celebrar de xeito rotatorio nas tres universidades galegas este congreso para investigadores novos que neste 2018 tivo lugar en Vigo e, ao longo de toda a xornada deste venres, o edificio de Ciencias Experimentais acolleu a 60 científicas e científicos novos co obxectivo de fomentar e dinamizar a presentación e discusión dos seus traballos científicos. 

Como explican os organizadores “preténdese crear o marco idóneo onde as e os científicos que se incorporan á actividade investigadora a través do Máster Universitario en Neurociencia poidan discutir con docentes e investigadores sénior os seus proxectos e os resultados dos seus traballos de investigación”.
O acto inaugural do congreso contou coa presenza de Belén Rubio, vicerreitora de Investigación; Jesús Míguez, decano da Facultade de Bioloxía; Miguel Ángel Rodríguez Díaz, coordinador do Máster en Neurociencia e Manuel Ángel Pombal, presidente do Comité Organizador. Este último explicou que a xornada conta con 60 inscritos e “vanse presentar ao longo do día 15 TFM e 11 traballos en forma de panel”. Destacou a “boa saúde da que goza o mestrado interuniversitario en neurociencia, tanto polo número de matriculados como por eventos coma este, que tamén reflicten cal é o estado da neurociencia galega a pesar dos momentos que pasa a nivel económico a I+D en xeral”. Pola súa banda, a vicerreitora de Investigación de Vigo, Belén Rubio, fixo fincapé neste formato de congreso para presentar os TFM e avanzou que se tratará de estender a outros programas de mestrado da Universidade viguesa. E é que como engadía Jesús Míguez, decano da Facultade de Bioloxía, “esta é unha contorna formativa, pero é algo máis xa que este formato tipo congreso engade un perfil de iniciación á investigación e anima a abrirse á carreira investigadora, por iso agardamos que esta xornada vos permita ver que vos gusta este mundo”. Pola súa banda, Miguel Ángel Rodríguez Díaz, coordinador do máster, agradeceu a implicación e apoio das tres universidades e dos docentes que forman parte dos tribunais que avalían os traballos. 

A neurociencia, porta ao futuro

No acto inaugural as autoridades destacaron o potencial da neurociencia para solucionar problemas de calado social. “Do cerebro coñecemos moi pouco, é especialmente enigmático, polo que é realmente interesante mergullarse neste mundo para traballar sobre o sistema nervioso”, apuntaba o decano de Bioloxía. Míguez engadía que os avances neste ámbito “non só teñen relevancia científica, senón tamén social, pola cantidade de problemas existentes arredor das alteracións do sistema nervioso e de problemas asociados ao envellecemento”. Neste mesmo sentido expresouse a vicerreitora de Investigación, que se referiu á neurociencia como un “campo que abre un gran futuro á resolución dun importante número de enfermidades do sistema nervioso”. Remarcou que a complexidade metodolóxica xunto coa dificultade de acceso ao cerebro son “algúns dos principais retos da investigación en neurociencia” a apuntou que xa hai quen fala desta disciplina como “dunha nova xenética, da que emerxería a explicación do comportamento do ser humano que permitiría no futuro entender algunhas das enfermidades das que a día de hoxe aínda se coñece moi pouco como o alzhéimer ou o párkinson”.

Conferencia inaugural e sesións de exposición

Tras o acto de apertura e antes de que desen comezo as sesións de presentacións, os participantes puideron asistir á conferencia do catedrático da Universidade da Coruña Javier Cudeiro, do grupo de Neurociencia e Control Motor (NEUROcom) e do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia. O científico ofreceu un relatorio titulado Lecciones desde el Sistema visual para entender (y ayudar) al cerebro. As presentacións orais dividíronse en cinco sesións, tres pola mañá e dúas pola tarde, arredor doutras tantas temáticas: neuroanatomía, psicobioloxía, neurofisioloxía, neuroquímica e neurociencia computacional.