DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Ramón Agustí presentou o libro ‘LTE: Novas tendencias en comunicacións móbiles’

As novas xeracións de móbiles veñen con velocidades de vertixe

O 4G promete solucionar as frustracións en mobilidade dos usuarios e a baixada de facturación das co

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 14/12/2010
Despois de case dúas décadas de crecemento ininterrompido das comunicacións móbiles, os herdeiros do 3G están en camiño. O primeiro chanzo para chegar ata a cuarta xeración ou os 4G chámase LTE (Long Term Evolution), un sistema que industria, operadores e usuarios agardan con impaciencia para acabar coas barreiras que impiden unha mobilidade con plena capacidade multimedia. Unha esperanza que recolle LTE: Novas tendencias en comunicacións móbiles, un libro escrito por seis expertos e presentado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación por Ramón Agustí, coordinador e coautor do libro e catedrático da área de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade Politécnica de Cataluña. “O 3G foi un sistema truncado, porque tiña boa técnica de acceso pero non era capaz de cumprir as necesidades de velocidade que o usuario demanda”, explicou o profesor.

Esta tecnoloxía móbil de banda ancha emerxente leva vencelladas dúas características que suporán un antes e un despois neste tipo de comunicacións: que por primeira vez permitirá utilizar o protocolo IP para todos os servizos, incluído a transmisión de voz, e que estará en condicións de ofrecer velocidades de conexión que poderían superar incluso ás redes fixas máis rápidas existentes na actualidade. Ademais, o que é máis importante, permitirá ás empresas reducir os custos. “A tecnoloxía non está illada da contorna socioeconómica da que nace. Coa transmisión de voz ingresos e tráfico sempre foron á par, xa que se factura por establecemento e duración da chamada, pero co dominio dos datos e a chegada da tarifa plana a facturación das compañías baixou. Isto é insostible”, recoñeceu Agustí.

O futuro pasa por “facer as cousas máis baratas pero con máis prestacións” botando man de novas arquitecturas (IP), novas interfaces que aporten flexibilidade e redes heteroxéneas. Adeus aos intermediarios, aos gastos e aos retardos grazas a un sistema “que nace en harmonía co resto de redes e permite a compatibilidade”. Agora só queda aprender a xestionar a flexibilidade inherente do exceso de posibilidades.

Obxectivo pedagóxico

A publicación, elaborada exclusivamente por profesores da Universidade Politécnica de Cataluña, ten como obxectivo pedagóxico a correcta comprensión dos principios básicos do LTE e sentar as súas bases como sistema estandarizado para os móbiles 4G. “Para nós é unha ledicia poder acoller un proxecto tan interesante, un libro que tamén está a disposición do público en versión electrónica”, asegurou Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, que quixo aproveitar a ocasión para “agradecer ás empresas teñan un oco para as fundacións a pesar da crise”, referíndose a Vodafone, editora do libro.

“Este é un agasallo que o profesor Ramón Agustí fai a toda a comunidade científica e tecnolóxica, unha publicación valiosa non só polo contido de gran rigor científico e por estar repleto de ideas innovadoras, senón por ir sempre un paso por diante no tempo”, gabou Paulino González, director territorial de Deseño e Implantación de Rede de Vodafone.