DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro Álvarez participará no campus de adestramento de Croacia e Eslovenia

As novas xeracións da orientación garanten o futuro deste deporte

Terá lugar entre o 22 de xullo e o 6 de agosto

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jessica Fdez. DUVI 26/06/2012

Os corredores máis novos seguen achegando satisfacción ao equipo de orientación da Universidade de Vigo. Tras proclamarse campión de España escolar na categoría infantil, Alejandro Álvarez foi un dos 69 corredores seleccionados pola FEDO, Federación Española do Deporte de Orientación, para participar, durante o verán, nun campus de adestramento en Croacia e Eslovenia. “Dende o equipo só podemos dicir que nos esperan uns anos moi bos para a orientación universitaria galega e, grazas aos triunfos dos nosos deportistas máis mozos, estamos motivados para facer que este deporte siga crecendo”, indica José Luis Armada, responsable do equipo de orientación da Universidade.

Primeiro seleccionado da Universidade de Vigo

Con tan só 14 anos e dous de experiencia no equipo universitario, Alejandro Álvarez proclamouse campión de España escolar na categoría infantil no torneo celebrado no mes de abril en Cantabria. O seu éxito e dedicación a este deporte fixeron que a FEDO, organismo regulador do deporte no país, o seleccionara xunto con outros 68 deportistas para representar a España no campus de adestramento de orientación organizado pola IOF, Federación Internacional de Orientación, que se celebrará en Croacia e Eslovenia do 22 de xullo ao 6 de agosto. A IOF foi o organismo encargado de estipular un número de prazas máximo para cada país da Unión Europea e, xa en España, foi a FEDO quen seleccionou aos mellores deportistas en función dos seus logros. Para o equipo da Universidade, a elección de Alejandro Fernández é motivo de celebración xa que "é a primeira vez que selecciona a un membro do noso club para esta actividade, algo que recoñece o labor que levamos realizando dende hai anos cos mais mozos para facer que este deporte despegue e se consolide" indica Armada.

Durante a estadía en Croacia e Eslovenia, os xogadores dos distintos países de Europa perfeccionarán os seus coñecementos sobre o deporte pero tamén traballarán “aspectos técnicos que lle demostren a importancia da orientación nos seus estudos, xa que a interpretación de planos, cartografía e memoria repercute posteriormente no ámbito educativo” puntualiza Armada.

Máis éxitos para o equipo universitario

Ademáis dos éxitos de Alejandro Álvarez, a canteira do equipo universitario apuntálase grazas a Julia Fuertes, que ven de proclamarse campioa galega na categoría infantil, e que garante unha xeración de deportistas que "pega forte", indica o adestrador. Os dous xogadores foron descubertos grazas a XOGADE, un programa no que colaboran tanto a Universidade de Vigo coma a Xunta de Galicia e os centros de ensinanza e que permite vincular as tres institucións a favor dun deporte que, en países coma Suecia, é unha materia obrigatoria nos colexios.

Malia que aquí non goza do prestixio de deportes coma o fútbol ou o baloncesto, a orientación crece de forma moderada pero segura e, neste ano, constituirase a Federación Galega de Orientación (FEGADO). Este organismo estará formado por 32 clubs das catro provincias galegas entre os que estará o equipo da Universidade de Vigo, todo isto co fin de “seguir crecendo e facer madurar un deporte aínda moi mozo no noso país”, conclúe Armada.