DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Arte Contemporánea

Nove debates virtuais afondan no pasado, presente e futuro de Belas Artes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/03/2021

Revisar o papel que a Facultade de Belas Artes xogou no contexto da arte en Galicia ao longo dos seus trinta anos de traxectoria é o obxectivo tanto dunhas xornadas organzadas polo Consello da Cultura Galega (CCG) como das mesas de debate que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) promove dentro das actividades da exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo / Condicionar a mirada. Inicialmente concibidas encontros presenciais, a covid-19 obrigou a converter en virtuais estes debates, nos que participan tanto docentes e egresados e egresadas da facultade como diferentes axentes do sector.

Na mañá deste luns, o Consello da Cultura Galega difundiu o primeiro dos catro coloquios virtuais que integran as xornadas A Facultade de Belas Artes de Pontevedra 30 anos despois. Coordinadas polo crítico e membro da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG Ramón Rozas, estas xornadas abríronse cun coloquio no que participaron o primeiro decano da facultade, Juan Fernando de Laiglesia e os docentes e artistas Manuel Sendón e Marina Nuñez. Previamente, estas xornadas celebraron o seu acto de presentación virtual, no que interviñeron a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán; o responsable da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Manuel Quintana Martelo, e o coordinador deste ciclo.

Debates no CGAC

Tamén a través da rede, o CGAC difundiu a mesa redonda da exposición Cultivar incertezas, que na tarde do pasado venres o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, visitaba xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicerreitor do campus pontevedrés, Jorge Soto. O decano Xosé Manuel Buxán, o comisario da mostra, Ángel Cerviño, e os coordinadores do programa de actividades, Natalia Poncela e Miguel Anxo Rodríguez, participaron xunto co director do CGAC, Santiago Olmo, nunha mesa que se verá complementada por un debate virtual en directo este xoves ás 17.30 horas.

O programa deste ciclo comprende catro mesas os días 24 e 25 de marzo e 8 e 9 de abril, nas que participarán os docentes Juan Fernando de La Iglesia, Antón Castro, Almudena Fernández Fariña, Chelo Matesanz, Araceli Liste, Juan Luis Moraza, Carlos Tejo e Lola Dopico. Xunto a eles e elas intervirán tamén o ex-docente e actual director do Marco, Miguel Fernández-Cid, a historiadora da arte Marisa Sobrino e os artistas e ex-alumnos Horacio González, Suso Fandiño e Carme Nogueira.

Seminarios e obradoiros

A programación do CGAC complétase coas actividades formativas que terán lugar no espazo Aula Aberta, que o 10 de abril acollerá o seminario Educar a través da arte, dos titulados Vicente Blanco e Salvador Cidrás, mentres que o 14 de abril a profesora Susana Cendán afondará na importancia da investigación en Belas Artes a través da presentación dunha escolma de traballos de fin de grao. Por outra banda, o profesor Ignacio Pérez-Jofre impartirá un taller de creación con materiais atopados, os días 16 e 17 de abril, mentres que os docentes Nono Bandera e Marcos Covelo ofrecerán un obradoiro de iniciación á risografía o 7 e 8 de maio.