DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nove propostas para combinar as horas de estudo coa creatividade e o tempo de lecer

O prazo de inscrición nos obradoiros do segundo cuadrimestre estará aberto ata o 5 de marzo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 25/02/2010

Na universidade estúdase anatomía, fisioloxía, bioquímica, lingüística, escultura, debuxo, socioloxía, pedagoxía..., pero tamén se pode aprender a marcar o ritmo cun djembé, a simular feridas e explosións para cinema ou a compoñer personaxes teatrais. “Ofrecer a todos os membros da comunidade universitaria, e sobre todo ao alumnado, unha formación complementaria ás titulacións, que vaia máis aló dos contidos específicos de cada plan curricular”, é o obxectivo dos obradoiros da Área de Extensión Cultural e Estudantes, tal e como explica a súa directora no campus, Ana Belén Fernández Souto. Vén de abrirse o prazo de inscrición para a oferta do segundo cuadrimestre, que permanecerá aberto ata o 5 de marzo e que busca combinar as horas de estudo e investigación coa creatividade no tempo de lecer a través de actividades arredor das artes escénicas, a linguaxe audiovisual, a arte, a música e as estratexias de comunicación social.
Ana Belén Fernández Souto sinala que “se buscan actividades enfocadas cara ao artístico, a linguaxe audiovisual, as artes escénicas e o social porque son as máis demandadas, mais non hai temáticas preferentes”. A directora de Extensión Cultural destaca a boa resposta que teñen xeralmente os obradoiros, polo que sete das nove propostas deste cuadrimestre xa se ofreceron con anterioridade esgotándose todas as prazas. “Os cursos de efectos especiais e maquillaxe para cine e televisión e os de sonorización arrasan, polo que seguimos manténdoos no programa”, destaca, ao tempo que sinala as novidades desta nova quenda: un curso de teatro na rúa e outro de arteterapia. Considera que animan aos estudantes a anotarse “o baixo custe destas actividades, a súa convalidación por créditos ECTS e o interese dos seus contidos como alternativa aos das titulacións e diplomaturas”.

Efectos especias e teatro

Dous dos obradoiros que se repiten son os de Introdución aos efectos especiais para cinema e televisión e Efectos especiais de maquillaxe, modelado e moldes, a través dos que Ricardo Spencer esboza a súa guía persoal para crear efectos especiais físicos (maquetas, pirotecnia, armas, atmosféricos...), de maquillaxe (feridas, fabricación de criaturas, partes do corpo...), mecánicos (usados para dar movemento a bonecos ou decorados) e dixitais verosímiles, con poucos recursos, baratos e fáciles de conseguir.
Outro dos que recuncan é o curso de Posta en escena dunha montaxe teatral, impartido por Salvador del Río da compañía Teatro de Ningures, quen dirixe tamén a aula de teatro do campus. Traballará aspectos fundamentais da montaxe teatral como a lectura e comprensión do texto e o proceso de encarnación dos personaxes.
No eido das artes escénicas engádese unha nova proposta este cuadrimestre, un curso de teatro de rúa que dará Sonia Rúa, tamén de Teatro de Ningures. A través desta actividade os asistentes aprenderán a mover o corpo con sentido expresivo e, sobre todo, terán que traballar a desinhibición para perder o medo escénico na rúa.

Gravación musical ao ritmo do djembé

O taller Sonorización e gravación musical é unha continuación do de Son, gravación e posprodución impartido no primeiro cuadrimestre por Javier F. Abreu, que desta volta se centrará exclusivamente no tratamento do son na música para que o alumnado adquira unha visión global da gravación en estudo. No transcurso desta actividade realizaranse prácticas con diferentes instrumentos acústicos e electrónicos.
Para aqueles cun maior ritmo musical e que lles guste a percusión ofrécese un curso de djembé de nivel 2. Jorge César Pérez será o encargado de impartilo e a súa meta, ademais de iniciar aos participantes, será transmitir unha visión máis ampla deste instrumento, que ten unha boa acollida entre mozos e mozas.

Habilidades comunicativas e arteterapia

Adquirir habilidades comunicativas para perder o medo a falar en público ou saber como enfrontarse a unha entrevista son os obxectivos doutros dous cursos, un titulado Da intelixencia emocional á comunicación: destrezas, estratexias e habilidades e outro Estratexias e técnicas de comunicación para entidades sociais. Estas dúas propostas son gratuítas para aqueles que realicen tarefas de voluntariado.
Por último, Charlotte Mouly introducirá a un grupo de 25 persoas na arteterapia, unha disciplina que mestura artes plásticas e psicoloxía, que lle atribúe á creación fins terapéuticos e que propón a expresión artística como medio para solucionar conflitos psíquicos.

Matrícula, prezos e descontos

O prazo de inscrición comezou o pasado luns 22 de febreiro e permanecerá aberto ata o día 5 de marzo. Para cada curso ofértanse entre 15 e 25 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Convén, polo tanto, chamar canto antes e non perder a oportunidade, pois como indica Ana Belén Fernández, “nalgúns cursos as prazas esgótanse na primeira semana”.
Para formalizar a matrícula hai que ingresar a cantidade correspondente en calquera sucursal de Caixanova, indicando o código e o título do curso e entregar o xustificante de pagamento, xunto coa ficha de inscrición. Os prezos dos cursos varían entre 40 e 60 € e existen descontos do 25% para os membros da comunidade universitaria e do 50% para o alumnado que sexa bolseiro da Universidade. Pode consultarse toda a información ao respecto na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes e na web da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.