DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Minas, dúas Traducións, Publicidade, Fisioterapia, Comunicación Audiovisual e tres Maxisterios, pech

Nove titulacións con límite de prazas xa cubriron a oferta na primeira fase de matrícula para o vindeiro curso

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/07/2008

Enxeñaría de Minas, Tradución e Interpretación Español-Inglés e Español- Francés, Publicidade e Relacións Públicas, Comunicación Audiovisual, Fisioterapia e Mestre en Educación Infantil, Educación Física e Educación Primaria, son as nove titulacións con límite de prazas que se imparten na Universidade de Vigo que cubriron no primeiro prazo de matrícula as prazas ofertadas para o vindeiro curso 2008-2009.
Mentres o derradeiro prazo de matrícula para as titulacións con límite de praza pecharase a finais do mes de outubro, as nove carreiras antes citadas só precisaron do primeiro prazo dos seis establecidos pola Comisión Interuniversitaria de Galicia, CIUG, para cubrir a totalidade das prazas ofertadas.
Cun centenar, é a licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas é a que maior oferta de prazas realizaba das nove titulacións que xa cubriron a súa oferta neste mes de xullo. Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria con 75 prazas ofertadas, Fisioterapia, Mestre en Educación Física e Tradución e Interpretación Español- Inglés con 50, Comunicación Audiovisual e Minas con 40 e Tradución Español-Francés, con 20 prazas ofertadas e xa cubertas, completan a relación de carreiras con límite de prazas que xa pecharon a súa oferta.

Minas consolídase, Comunicación mantense e Tradución renóvase

Dous anos despois de entrar a formar parte da relación de titulacións con límite de prazas do Sistema Universitario de Galicia, Enxeñaría de Minas volve, por segundo ano consecutivo no mes de xullo a cubrir as 40 prazas ofertadas. “Estamos moi satisfeitos”, asegura o director da Escola, Pedro Arias que considera que “estamos a ser quen de cumprir cos obxectivos que nos marcamos de trasladar ao estudante o verdadeiro perfil da nosa titulación que antes estaba totalmente distorsionado”. Arias que reitera que o centro que dirixe aposta por un ensino personalizado e de calidade, asegura que “ao establecer un límite, tamén nos aseguramos que se matriculan os estudantes con verdadeira vocación e non aqueles que carecen dun interese real na titulación, ao tempo que se controla o número de profesionais que se incorporan ao mercado”.
Fronte á novidade que para Enxeñaría de Minas supón por segundo ano consecutivo cubrir en xullo o número de prazas ofertadas, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual sempre realizaron unha oferta limitada que se viu amplamente superada pola demanda, un feito que o decano Alberto Pena, asegura se produce “por que estamos na sociedade da información, ao tempo que no caso de Publicidade é a única oferta en todo o noroeste peninsular”. O decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación móstrase conforme con manter no futuro o límite actualmente establecido “para evitar saturar o mercado cun número de profesionais que este non poda asimilar”.
Pola súa banda o decano de Filoloxía e Tradución, Joaquín Sueiro, destaca que no caso de Tradución e Interpretación Español-Francés, lógrase este ano cubrir todas as prazas ofertas en xullo, o que “é unha das escasísimas veces que se produce”. En relación con Español-Inglés, Sueiro lembra que “segue sendo unha das titulacións que máis tirón ten, polo que habería que potenciala”. Sobre un posible incremento no número de prazas ofertadas o decano de Filoloxía e Tradución, asegura que “as cousas están ben como están, tendo ademais en conta os medios dos que dispomos”.

Titulacións con límite de prazas na UVigo

Das nove titulacións que cubriron a oferta de prazas realizada no primeiro prazo de matrícula, seis impártense no campus de Pontevedra (os tres maxisterios, Publicidade, Comunicación Audiovisual e Fisioterapia) e as tres restantes no de Vigo (Minas e as dúas licenciaturas en Tradución).
A número de titulacións con límite de prazas na Universidade de Vigo para o curso 2008-2009, sitúase en 37, incorporándose como novidades respecto ao curso pasado, as titulacións de Economía que pasou de non ter límite a un tope de 75 ou Mestre en Educación Infantil e Primaria que pasaron a ter un tope de 100 prazas.