DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marcos Calveiro, participante no VI Ciclo de Escritores:

“Na novela galega falta música, sexo, drogas e rock&roll”

Os autores expuxeron cadansúa visión da situación da literatura en Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 05/11/2009

O panorama actual da narrativa galega someteuse a debate na segunda xornada do Ciclo de Escritora/es na Universidade baixo o título Narrar e contar dos tempos que corren. Marcos Calveiro, Luis Rei e Inma López foron os autores invitados nesta ocasión á mesa redonda durante a cal, os tres escritores expuxeron as súas opinións sobre o que está a acontecer na actualidade da novela galega, afondando na temática, no obxectivo e no público ao que se dirixe con visións moi distintas. Marcos Calveiro foi o primeiro en intervir facendo un repaso pola situación da literatura galega que ilustrou con cifras alarmantes de ausencia de lectores no panorama nacional e aínda máis acusada na comunidade galega. “Só 5000 lectores de toda Galicia consumen literatura no noso idioma por pracer” afirmou Calveiro. Un dos motivos para explicar este declive, segundo o autor, é a escasa visibilidade da literatura galega fronte á castelá, polo que cualificou de “reto cultural” a misión da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Dúas visións moi diferentes

"Na novela galega falta música, sexo, drogas e rock&roll”. Así definiu Marcos Calveiro as carencias que sofre a temática da narrativa galega ao seu parecer, tendo en conta que o maior número de lectores rexístrase na franxa de idade comprendida entre os 14 e os 24 anos, segundo os datos que facilitou o autor ao comezo da xornada. Calveiro cualificou a temática da narrativa galega como “conservadora e clasicista” e argumentou que “é difícil que a temática que se emprega na literatura galega atraia a lectores mozos a pesares da boa calidade narrativa que posúa a obra”. Neste senso, salientou a necesidade de conectar coa realidade actual, especialmente na literatura infantil e xuvenil e non falar dun tempo que para os mozos “non existe”. “Seguimos abrindo as fosas da Guerra Civil cando temos unha temática social moi rica” comentou. O escritor puxo un par de exemplos con relatos ficticios que improvisou sobre a marcha para amosar aos asistentes as posibilidades que ofrece a realidade social en Galicia “da que se pode botar man para lograr bos argumentos” aclarou.
Pola contra, a única representante feminina no debate, Inma López, amosouse en desacordo co seu compañeiro.“Eu non teño unha percepción tan pesimista do panorama literario galego” comentou a escritora, que de seguido deu respostas ás percepcións que fixo Calveiro con respecto á temática desactualizada das novelas galegas, posto que Inma López tratou nalgunha ocasión a materia da Guerra Civil nas súas obras. “Os tempos que corren tamén inclúen o pasado, polo que é necesario recuperar esta temática” argumentou. “Ás veces feitos actuais só poden explicarse se botamos unha ollada ao pasado” engadiu. Na súa intervención declarou que “corren tempos apaixonantes para a narrativa galega” e analizou a situación dos escritores e os receptores das novelas na súa visión persoal sobre o eido da literatura na nosa comunidade.

O ensaio, protagonista do próximo encontro

O vindeiro 19 de novembro os escritores María López, Dolores Vilavedra e Xosé Manuel Beiras afondarán nas obras de ensaio na terceira xornada do IV Ciclo de Escritores, organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Filoloxía e Tradución. O obxectivo destas xornadas é o de achegar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral unha visión da situación actual dos distintos xéneros literarios e compartir as opinións dos autores invitados ao encontro.