DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Liga Estudantil Galega promove diferentes actividades no marco dunha campaña a prol da igualdade

Un novembro con conciencia feminista no campus

Este xoves, organizan en CCSS e da Comunicación un relatorio sobre a muller no audiovisual galego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 12/11/2014

Concienciar á comunidade universitaria da “necesidade de formarse sobre feminismo e facer ver que queda moito camiño e que aínda hai moito por facer” é o obxectivo que a Liga Estudantil Galega persegue coa súa campaña de Concienciación Feminista, segundo explica a responsable no campus da área de feminismo desta organización, Rebeca Cambeiro. Para logralo, a Liga promove ao longo deste mes unha serie de actividades, coma conferencias, proxeccións ou pousadoiros nos que o alumnado pode retratarse con lemas reivindicativos, coas que trata de chamar á “ruptura coa patriarcado” e á busca dunha igualdade real.

De feito, este novembro de reivindicación xa arrincou no campus pontevedrés coa colocación por parte dos membros da Liga Estudantil de diversos carteis e de simboloxía feminista, coa que buscaban “comezar a visibilizarnos neste ámbito antes de comezar con outro tipo de accións centradas xa na interacción co alumnado”, explica Cambeiro, que incide en que esta primeira acción busca tanto “chamar a atención” da comunidade universitaria coma “normalizar no día a día dos centros de ensino a simboloxía feminista”.

A situación da muller no audiovisual galego

No marco desta campaña e en colaboración coa delegación de alumnado de Ciencias Sociais e da Comunicación, a Liga Estudantil organiza este xoves ás 12.00 horas nesta facultade un relatorio sobre a situación da muller no audiovisual galego, no que contarán coa participación de Marta Piñeiro, directora de series como Padre Casares ou Matalobos, grazas á que foi recoñecida con distincións como o Mestre Mateo á mellor realización ou o premio europeo Circom. Con este relatorio, a organización estudantil busca promover unha reflexión sobre a falta de visibilidade do labor das profesionais do sector audiovisual. “Se nos paramos a pensar en mulleres directoras de cine vemos que case non se coñecen e non é porque non existan, senón porque lles é máis difícil facerse ver”, apunta Cambeiro.

Para esa mesma xornada, a Liga Estudantil Galega tamén programou a proxección do documental Digna Rabia, un proxecto dos investigadores da Universidade Victoria Martins e Ángel Rodríguez Gallardo que, como destaca Cambeiro, retrata a “dobre opresión, ideolóxica e de xénero, que padeceron as mulleres durante a Guerra Civil e a ditadura franquista”. A proxección deste filme, que recolle o testemuño de 27 mulleres, verase completada cun coloquio con Victoria Martins.

Fotografías para abordar os roles de xénero

Xa a vindeira semana, este colectivo estudantil despregará en diferentes puntos do campus un photocall ou pousadoiro no que animarán á comunidade universitaria a realizarse unha fotografía cun lema vinculado á loita pola igualdade. Esta actividade, que a Liga Estudantil xa levou a cabo en ocasións anteriores no campus, estará desta volta centrado nos roles de xénero, esas convencións sociais que levan a percibir determinadas tarefas como máis apropiadas para as mulleres, un tema do que, como destaca Cambeiro, “non se fala asiduamente”.

Xa para pechar este mes de concienciación feminista, os e as integrantes da Liga Estudantil Galega levarán a cabo o 25 de novembro unha concentración na Praza da Peregrina, coincidindo coa Día Internacional Contra a Violencia Machista.