DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe comezou en Vigo, mañá será en Pontevedra e xoves en Ourense

A novena edición do Forumemprego mira a Europa como escenario de formación e inserción laboral

Preto de 900 estudantes participan nos tres campus nas xornadas de emprego de Galicia norte de Portu

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/02/2010

O Forumemprego Universitario chega á súa novena edición coa vista posta en Europa como escenario tanto de formación como de inserción laboral do estudantado de educación superior. Dende hoxe e ata o xoves pasarán polos relatorios deste foro nos tres campus preto de 900 mozos e mozas a piques de rematar a carreira ou novos titulados en busca de formación especializada para afrontar a busca activa de emprego.
O Forumemprego, encadrado dentro das actividades promovidas polo Eures Transfronteirizo Galicia norte de Portugal, é xa un clásico dentro da Universidade e o encargado de abrir esta novena edición foi José Manuel González, director da División Erasmus do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos. El foi o primeiro relator da xornada en Vigo e o primeiro tamén en poñer a acento en Europa. Xunto co vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, foron os encargados de achegar aos asistentes “a experiencia Erasmus”, o primeiro co programa educativo e o segundo co mobilidade para prácticas.
Para Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade e coordinadora destas xornadas, as cifras de matrícula confirman o crecente interese da comunidade universitaria por este foro. “Dous días despois de abrir o prazo xa estaban cubertos os campus de Vigo e Pontevedra”, explica. A maioría dos case 900 matriculados son estudantes dos últimos cursos, sobre todo de Administración e Dirección de Empresas, Dereito rama Económica, Enxeñaría Industrial e Enxeñaría Técnica Industrial.

Europa como destino

Se hai un cifra que fale por si soa, esta é a dos 510 estudantes propios que a Universidade de Vigo enviou no pasado curso 2008-2009 a completar os seus estudos no estranxeiro, un dato que sitúa á institución viguesa entre as dez primeiras universidades do estado en número relatorio de mobilidade respecto do total do alumnado, segundo apuntou o vicerreitor Iván Area.
Pero o programa Erasmus de mobilidade europea conta na actualidade con dúas vertentes diferenciadas, unha destinada ao estudo e outra ás prácticas. José Manuel González explicoulles aos asistentes que a participación nun dos programas non exclúe a participación no outro, de xeito que “un estudantes pode ser Erasmus dúas veces durante a súa vida académica”. Ademais de informalos de requisitos, destinos, axudas, duración das estadías, obrigas e dereitos, animou a todos qa tomar a decisión de participar neste programa, algo moi valorado nos currículos polos empregadores.
Segundo explicou o director da División Erasmus do OAPEE, este programa ten xa 23 anos de historia ao longo dos cales a participación das universidades españolas foi aumento, ata ser “o terceiro país, por detrás de Alemaña e Francia, que máis estudantes envía ao estranxeiro con 27.406 o ano pasado e o primeiro en recepción con 30.000”. Dende o seu comezo pasaron xa polo programa máis de dous millóns de estudantes e agárdase chegar aos tres millóns en 2013. Polo camiño, esta iniciativa xa foi recoñecida co Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional.
Hai tres anos, o OAPEE puxo en marcha unha nova vía dentro do programa, o Erasmus Prácticas para que o estudantado teña a oportunidade de, ademais de completar a súa formación académica no estranxeiro, tamén realizar prácticas en empresas europeas. Pero estas estadías requiren de máis esforzo e implicación por parte dos interesados, xa que son eles os encargados de buscar e seleccionar a empresa no país elixido e de presentarse ante eles. O vicerreitor de Relacións Institucionais salientou a importancia das prácticas, “tanto en empresas da contorna como doutros países” e explicoulles que, se no curso 2008-2009 a Universidade ofrecía 9 bolsas, na convocatoria deste curso son 15 “e cubrimos todas as prazas”. Para este obxectivo de acadar un oco en empresas estranxeiras, Area salientou e necesidade de contar cun currículo Europass, que os asistentes poderán realizar no transcurso destas xornadas de emprego da man da conselleira Eures, Emilia Seoane.

Intenso programa

Ao longo da mañá, a propia conselleira Eures da Universidade, xunto con Teresa González Ventín, coordinadora do Eures Transfronteirizo, achegaron aos estudantes toda a información sobre a mobilidade profesional con Eures, o servizo europeo público de emprego, sobre como facer o currículo Europass e as súas utilidades e sobre o portal Eures como recurso na procura de emprego.
Xa pola tarde, os matriculados poden coñecer as achegas de Reyes Fernández e Mertxe Inza, da OFOE da Universidade, de Manuela Iniesta, técnica de Universia e de Teresa Deus, directora do Centro de Emprego do Concello de Ferrol. Ademais, Andrés Olivera, director de Recursos Humanos do Grupo Modelo Europa informará aos universitarios sobre as oportunidades que representan os simuladores de negocio, mentres que un grupo de trinta matriculados participan nun exclusivo obradoiro impartido pola responsable de selección de persoal do grupo Deloitte, no que se incidirá na importancia do traballo en equipo para as empresas.

Unha Universidade solidaria e lectora

Aproveitando a concorrencia do acto os asistentes puideron de coñecer unha iniciativa solidaria posta en marcha polo persoal da Biblioteca Universitaria para axudar a Haití. Coa campaña Hai algo en ti que podes compartir trátase de recoller libros usados entre a comunidade universitaria para posteriormente vender nun mercado cuxos fondos serán destinados á reconstrución do país caribeño a través da Cruz Vermella. Paz de la Peña, axudante da sección de adquisicións da Biblioteca, foi a encargada de informar aos estudantes do funcionamento da actividade e alentar a participación e puntualizou que contarán “coas achegas de libreiros, institucións e particulares alleos á Universidade interesados en participar desinteresadamente”. Tamén explicou que a iniciativa conta xa con páxina en Facebook e Twitter nas que se poden consultar os puntos de recollida e animou aos asistentes a demostrar “que somos unha Universidade solidaria e lectora”.

O Forumemprego trasládase mañá mércores a Pontevedra e o xoves a Ourense.