DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 14 ao 17 de setembro

A novena Reunión Nacional de Óptica traerá a Ourense aos mellores investigadores desta disciplina a nivel internacional

No congreso expoñeranse os avances en fotónica ou nas aplicacións dos láseres

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Noelia V. Vilanova DUVI 04/02/2009

Ourense converterase en centro de discusión científica coa celebración da IX Reunión Nacional de Óptica que terá lugar no campus do 14 ao 17 de setembro. Investigadores do máis alto nivel que traballan en tecnoloxías relacionadas coa óptica a nivel nacional achegaranse ata a cidade para expoñer os últimos resultados obtidos en disciplinas que van dende a optoelectrónica ás ciencias da visión, pasando pola óptica cuántica, as ciencias da cor ou a espectroescopía, entre outras. Por outra banda este congreso permitirá, ademais do traballo científico, o contacto persoal entre os investigadores.
Unha reunión deste nivel require unha boa planificación, neste caso o traballo duro recae nas costas de Humberto Michinel, investigador principal do grupo de Óptica Física e presidente do comité organizador. Na súa opinión, o feito de que este congreso, de carácter nacional, vaia a ter lugar en Ourense supón “un recoñecemento para o noso grupo de investigación”, ademais de que proporcionará grandes beneficios á cidade ao fomentar o turismo de congreso.
Dentro das tarefas que Michinel e o equipo organizador da reunión están a desenvolver para ter todo a punto inclúese a elección dos relatores invitados, na actualidade “estamos pendentes de conseguir que acudan dous premios Nobel, Ted Hänsch e William D. Philips”. Sen embargo, “é complicado contar coa súa participación, xa que as súas axendas adoitan estar cheas”. De todos os xeitos, aínda que non se poida contar coa súa presenza, Michinel destacou que virán conferenciantes de “primeiro nivel”.

Como se vai a desenvolver?

O congreso estrutúrase en tres apartados, as charlas en sesións plenarias, as conferencias paralelas e os pósters de discusión en paneis. No primeiro caso o obxectivo é dar unha panorámica xeral da óptica en España. As conferencias paralelas, é dicir dous relatores simultáneos, terán lugar cada tarde e os protagonistas serán investigadores noveis menores de 30 anos. As discusións de pósters en paneis terán lugar durante o café de almorzo, de 9.00 a 10.00 horas e no aperitivo do xantar, de 14.00 a 16.00 horas. Estas sesións servirán para debater, de modo distendido, os detalles das liñas presentadas nas charlas plenarias e para fomentar o contacto persoal entre os investigadores.

Últimas achegas do condensado de Bose-Einstein

Como non podía ser doutro xeito, ademais de dirixir a organización do congreso, Michinel tamén vai a participar nel ofrecendo os últimos resultados das investigación do grupo de Óptica Física. O seu desexo é poder expoñer “os resultados do primeiro condensado de Bose-Einstein de España, un novo estado da materia que se consegue cando se arrefrían os átomos ata a temperatura máis baixa posible”, explicou Michinel. Nesta situación os átomos quédanse inmóbiles pero, para que sirve isto? As leis da mecánica cuántica explican que “cando algo está moi quedo e se lle intenta sacar unha fotografía sae borroso xa que a posición e a velocidade non se poden coñecer simultaneamente con infinita precisión”. Se os átomos están parados, “coñeces a súa velocidade, polo tanto perden a súa identidade individual converténdose nun borrón que forma un átomo xigantesco”, proseguiu. Este superátomo é o condensado de Bose-Einstein e o que se logra con el “é poder estudar as características da materia a nivel cuántico no mundo macroscópico”. Esta liña de investigación está a revolucionar a física máis fundamental, porque “permitiría facer medidas ultraprecisas”.
A pesar do gran labor que teñen feito neste campo, a traxectoria deste grupo de investigación xira ao redor “da fotónica e as tecnoloxías do láser”. Neste terreo están a traballar na óptica extrema ou de altas enerxías que indaga o que sucede “cando consegues pulsos de luz moi intensos”, neste ámbito os resultados permitirían, entre outras cousas, rebentar a estrutura do baleiro ou acelerar partículas, que a súa vez se poderían empregar para o tratamento de tumores.
Outra das liñas de traballo “é a de estabilización de láseres que se poidan empregar para facer metroloxía moi precisa”. Segundo Michinel, “somos afiadores de láseres, xa que non todos teñen a mesma calidade”. A súa labor nesta liña, céntrase nas chamadas pinzas ópticas que servirán para atrapar estruturas máis grandes que os átomos, “con esta ferramenta estamos a construír un microscopio de forza óptica, moito máis preciso que os de forza atómica”. Neste campo contan estes días coa axuda dun colaborador estranxeiro, o ucraniano Anton Desyatnikov, que ven dende a Australian National University en Camberra, onde traballa no grupo de Yuri Kiushar, para participar no deseño de novo tipos de pinzas ópticas.