DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino rematou esta fin de semana a competici

Un noveno posto que sabe a vitoria

O equipo ascendeu o ano pasado á primeira división autonómica

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 13/05/2013

Un momento delicado para todo equipo deportivo é cando ascende de categoría. Habitualmente este cambio supón pasar de estar entre os mellores da táboa a ocupar os postos máis baixos da nova competición, loitando en todo momento por facerse un oco entre conxuntos xa consolidados. Isto é o que lle aconteceu esta tempada ao Universitario Campus Ourense de baloncesto sénior masculino, que o ano pasado ascendeu á primeira división e que esta liga tivo que loitar por manterse na categoría. Este sábado rematou a competición e o noveno posto acadado nela sabe a vitoria para os seus responsables e xogadores.

O conxunto ourensán xogou o sábado contra o CB Sarria o último partido de liga, correspondente á xornada 26. Cun resultado final de 54-67, os universitarios conseguiron pechar o ano cunha vitoria e ascender do décimo ao noveno posto da táboa, composta por 13 equipos. Con once encontros gañados e 13 perdidos, evitan ter que xogar a fase de descenso e terán a vindeira tempada a oportunidade de consolidar o seu traballo na primeira división sénior masculina. “Este ano temos que felicitar tanto ao equipo feminino coma ao masculino polo traballo feito. Se as xogadoras remataron a liga terceiras e moi igualadas coas primeiras clasificadas, os xogadores conseguiron manterse na categoría e acadar un noveno posto no seu primeiro ano nela. Hai que ter en conta que durante a competición o Universitario Campus Ourense masculino, sendo un equipo moi novo, tivo que enfrontarse a outros conxuntos consolidados, que estaban na primeira división porque descenderan de categorías superiores ou que xa compiten nela desde sempre”, destaca Roberto Rapela, coordinador da área de baloncesto do campus.

Inscrición na I Carreira Urbana de Orientación Solidaria

Rematadas as competicións tanto de baloncesto coma de rugby, o Servizo de Deportes do campus de Ourense está inmerso agora na preparación da I Carreira Urbana de Orientación Solidaria, que se celebrará o vindeiro 25 de maio. Este luns, día 13, abriuse o prazo de inscrición na cita, que ten a finalidade de recoller alimentos non perecedoiros e produtos de nutrición e hixiene infantil que serán repartidos polo Banco de Alimentos e Cruz Vermella Ourense. A xornada contará con tres probas de orientación, probas nas que, cun mapa como guía, os participantes terán que percorrer un determinado traxecto no menor tempo posible e pasando por diferentes puntos de control. Haberá unha proba de orientación chamada “Correliña” na que se poden inscribir rapaces e rapazas de 3 a 10 anos acompañados dun adulto. Xa para todos os públicos haberá dúas opcións, a primeira será un proba de orientación de iniciación curta e a segunda unha ruta literaria de orientación. Nesta última, os participantes realizarán nun percorrido polo roteiro da obra A Esmorga, de Blanco Amor, aproveitando como balizas as placas azuis que recollen diferentes pasaxes desta obra e que están distribuídas fundamentalmente polo casco histórico da capital auriense.

A actividade comezará o día 25 de maio na Praza Maior, onde de 09.00 a 10.30 horas se trocarán alimentos por dorsais para participar, e rematará aproximadamente á 13.00 h. Haberá un agasallo para todos os participantes e medallas solidarias para os primeiros clasificados nas probas.