DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Atendido por un médico e un diplomado en enfermaría, disporá dun amplo equipamento

Un novo centro médico garantirá a asistencia sanitaria no campus a partir de setembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/07/2008

Un médico e un diplomado en enfermaría atenderán desde o vindeiro 1 de setembro o novo centro médico do campus de Vigo que estará ubicado nun local anexo á biblioteca central, dotado de todo o equipamento médico necesario.
Entre as 8.30 da mañá e ás 14.00 horas e das 15.00 ás 17.30, de luns a venres, no centro médico atenderanse os recoñecementos do persoal da Universidade e tamén se coordinarán as actividades de vixilancia da saúde.
O afastamento dos centros sanitarios de primeiro nivel asistencia do campus vigués, foi a razón que impulsou a posta en servizo deste centro médico que estará dotado de todo o equipamento clínico necesario para o desenvolvemento das súas actividades sanitarias: mobiliario clínico, instrumental médico, desfibrilador, electrocardiógrafo, equipo de espirometría ou negatoscopio.
Aínda que o local que a partir do 1 de setembro ocupará o novo centro médico, xa fora utilizado con anterioridade para prestar atención sanitaria á comunidade universitaria, será a partir de agora, coa contratación dun médico e un diplomado en enfermaría, cando sexa posible atender os recoñecementos médicos do persoal que traballa no campus e coordinar todas as actividades de vixilancia da saúde no campus vigués.