DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do Ciclo que a Vicerreitoría do campus promove co Instituto Francés

O novo cinema francés chega á Casa das Campás

Sete filmes integran a programación que arrinca este venres coa proxección de ‘Mauvais Sang’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 08/05/2017

Dar a coñecer cinema francés actual que non chegou ás salas españolas, “un cinema novo que non esquece o legado da Nouvelle Vague”, legado que os e as cineastas galegos “reformulan de tal maneira que a día de hoxe poidan conectar cos espectadores”. Este é, como sinala a programadora Bárbara Santos, o obxectivo central de O Novo Cinema Francés: Entre a melancolía e a renovación, o ciclo de proxeccións, con entrada libre, que a Vicerreitoría do campus promove para as tardes dos venres, entre este 12 de maio e o 23 de xuño, na Casa das Campás, coa colaboración do Instituto Francés de Cine.

“A Nouvelle Vague revolucionou a maneira de facer cinema”, engade Santos do movemento no que se inseriron cineastas como Truffaut ou Godard, “un cinema de autor levado a cabo por parte de novos realizados que antes foran críticos” e que articularon unha nova forma de entender a sétima arte, na que primaba a rodaxe en exteriores e no que cada cineasta “creou un mundo propio”, que “sen dúbida marcou e seguirá marcando o cinema francés”. De aí que a súa influencia sexa tomada como o nexo de unión entre os sete filmes, a meirande parte deles estreados nos últimos dez anos, que integran o ciclo que se desenvolverá os venres ás 19.30 horas na sede da Vicerreitoría do campus.

"A forma de facer cine en Francia e a aceptación total deste como ferramenta cultural dista moito do concepto cinematográfico que hai por exemplo en España", recoñece esta experta en cine francés e doutora en Historia da Arte e da Música pola Universidade de Santiago de Compostela, quen se encargará de presentar as diferentes sesións dun ciclo destinado a dar conta do "estado actual" da sétima arte en Francia, "un cinema sen complexos, coidado", e de facelo a través de sete filmes "que mesturan a lixereiza e o grave e que amosan unha realidade social e individual".

Melancolía e renovación

Estas dúas ideas presentes no título desta iniciativa representan por unha banda esa “vínculo irrompible” cos cineastas da Nouvelle Vague, que na década de 1960 fixeron do cine “un medio de expresión total”, pero tamén a súa evolución nun “sentido propio e diferente en cada caso”. Dúas ideas que están representadas en Mauvais Sang (1986), de Leos Carax, o filme co que este venres bota a andar este programa, “un exemplo perfecto da mestura entre a herdanza e a renovación estética do momento”. Tamén constitúe unha boa mostra destes dous conceptos La Jalousie (2013), de Philippe Garrel, “un drama sentimental en branco e negro que segue representando os postulados da Nouvelle Vague” e que poderá verse o 19 de maio.

Á semana seguinte proxectarase Tout est pardonné (2006), de Mia Hansen Love; realizadora que ao igual que Garrel e Cristophe Honoré, protagonista o 2 de xuño da proxección de Les Malheurs de Sophie (2015), constitúen “a mostra perfecta do que en Francia se denomina Post-Nouvelle Vague”, explica a coordinadora desta actividade.

O 9 de xuño chegará o momento de Mon âme par toi guérie (2013), de François Dupeyron; e á semana seguinte proxectarase 21 Nuits avec Pattie (2015) dos irmáns M. e A. Larrieu, exemplos dun cinema novo “totalmente diferente aínda que marcadamente actual e recoñecible”. Como tamén o é, explica Santos, o realizador Xabi Molia, protagonista da sesión de peche o 23 de xuño con Les Conquérants (2013) “unha particular comedia, que nada ten que ver con estas comedias francesas que tanto están de moda”.