DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato deu a benvida aos membros dun renovado e paritario “parlamento da Universidade”

O novo Claustro elixe os seus representantes no Consello de Goberno

35 voceiros aos que se sumará o reitor, vicerreitores, secretaria xeral e xerente, entre outros

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 15/07/2010

A primeira sesión do novo Claustro, o máximo órgano de representación e de control da comunidade universitaria, elixiu hoxe os 35 representantes deste órgano no Consello de Goberno, 15 portavoces elixidos entre os decanos de facultade e directores de centro, departamento e de institutos de investigación e outros 20 procedentes dos tres sectores que conforman a comunidade universitaria: profesorado, estudantes e persoal de administración e servizos. Nunha sesión que o reitor, Salustiano Mato, cualificou como “histórica” pola ampla participación acadada, constituíse un claustro “moi renovado e paritario” que, segundo as verbas do reitor, traballará de xeito común “para decidir os mellores camiños e buscar posturas o máis enriquecedoras posibles”.

A escolla dos membros do Consello de Goberno foi realizada ao mesmo tempo que as dos voceiros da Comisión Electoral e da Comisión de Reclamacións, no primeiro acordo adoptado pola Mesa do Claustro constituída ao inicio da sesión, principiada pola Mesa de Idade conformada polo reitor, a secretaría xeral e os representantes de maior e menor idade de cada un dos colectivos. Tras a realización das correspondentes votacións a Mesa do Claustro quedou composta polas profesoras Mª Carmen Henríquez e Esther González Pillado polo sector PDI-A; Mª Isabel Doval e Jesús Pérez do sector PDI-B; Manuel García e Manuel Silveira como representantes dos estudantes e David Basalo e Guillermo De Oca, en representación do sector PAS, acordándose por unanimidade o nomeamento da profesora Esther González Pillado como vicepresidenta da mesa.

Composición do Consello de Goberno

No referido á composición do Consello de Goberno, encargado de definir as liñas programáticas máis a ordenación da vida académica e investigadora, aos 35 representantes elixidos hoxe polo Claustro hai que engadir o reitor, que o preside, a secretaria xeral e o xerente, tres membros do Consello Social, alleos á comunidade universitaria, dous representantes sindicais –con voz pero sen voto- e quince membros elixidos directamente polo reitor, entre os que deben estar necesariamente os dez vicerreitores. Neste senso, Salustiano Mato sinalou que dos cinco postos restantes un será para Jaime Cabeza, líder de Nova Universidade e o seu rival nas eleccións a reitor, outro será para unha persoa ligada ao equipo de goberno e os outros tres “serán nomeados en función dos resultados das votacións de hoxe e faranse seguindo unha lóxica baseada nunha estrutura de equilibrio e diversidade”, subliñou Mato, que tamén adiantou que a primeira sesión deste órgano se desenvolverá o vindeiro 26 de xullo co obxecto de elixir as comisións delegadas.

Comisión Electoral e Comisión de Reclamacións

Verbo dos 12 membros claustrais na Comisión Electoral cada sector elixiu cadanseus tres representantes que, xunto a un dos vicerreitores e a secretaria xeral, definirán o calendario e procedemento dos comicios universitarios.

Respecto á Comisión de Reclamacións, dedicada á resolución de incidencias nas probas de selección de profesorado, estableceuse que contaría como membros ademais do reitor, con seis catedráticos e catedráticas da Universidade de diversas áreas de coñecemento con ampla experiencia docente e investigadora.

Benvida do reitor

Ao inicio da sesión Salustiano Mato, aproveitou para dar a benvida a todos os membros do novo Claustro, ao que se referiu como “o parlamento da Universidade”, dándolles os parabéns pola súa elección e desexando que “sexa un gran foro de debate no que se tomen numerosas decisións que redunden na mellora da Universidade”.

Composición do Consello de Goberno, da Comisión Electoral e da Comisión de Reclamacións (8.86 Kb)