DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo conselleiro de Educación avoga por aplicar “pouco a pouco” o programa que lle outorgou ao PP a maioría absoluta

Jesús Vázquez Abad foi decano de Ciencias Empresariais e Turismo de 2006 a 2008

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
M. Del Río DUVI 20/04/2009

Decano da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo de Ourense entre o 2006 e o 2008, Jesús Vázquez viviu hoxe o seu primeiro Consello de Goberno da Xunta como conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Despois da súa toma de posesión esta mañá, o conselleiro asegurou que o seu departamento se axustará “ao programa que lle outorgou a maioría absoluta" ao PPdeG. Vázquez Abad negou tamén que conte, polo de agora, cunha planificación para a derrogación do decreto do galego no ensino non universitario. Así, unha das primeiras medidas como titular de Educación será "nas vindeiras horas" conformar "o próximo equipo e a estrutura da consellería".
Despois de reunirse coa súa predecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón, explicou que tratarán de "aplicar pouco a pouco" as medidas e "sen perda de tempo". Neste sentido e de acordo ao programa electoral do PP, Vázquez referiuse á intención de "reestruturar o ensino das linguas para conseguir que todos os galegos sexan trilingües". Con todo, o novo conselleiro salientou que o seu mandato non suporá unha “ruptura” con respecto á lexislatura anterior e cualificou de “moi gratificante” a colaboración de Sánchez Piñón, coa que mantivo unha xuntanza co obxectivo de tratar "todas las posibilidades pendentes para traballar día a día" e "dar unha continuidade". Pola súa banda, a conselleira saínte amosou a súa satisfacción de que o novo responsable de Educación proveña “do mundo da universidade” e defendeu o seu paso pola consellería como “unha etapa de aposta pola educación pública e de consenso coa comunidade educativa", ao tempo que se amosou convencida de que o novo Executivo "continuará con esta aposta".

Estreitamente vinculado ao mundo universitario

Único representante da provincia de Ourense no novo goberno de Alberto Núñez Feijóo, Vázquez conta cunha dilatada traxectoria no eido universitario como docente e investigador. Nado en 1967 na cidade alemá de Núremberg, aínda que de familia ribadaviense, estudou Económicas na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Ciencias Económicas e Empresariais na Universidade de Vigo, na que é profesor titular. En 2008 deixou o seu posto como decano para concorrer ás eleccións xerais polo Partido Popular como número dous pola provincia de Ourense, obtendo a acta de deputado no Congreso, cargo ao que vén de renunciar para tomar posesión como conselleiro e no que será substituído por Ana Belén Vázquez, número tres na lista.
No campo universitario, Jesús Vázquez Abad é tamén profesor titor na Universidade Nacional de Educación a Distancia en Ourense e conta cunha dilatada experiencia na investigación con varios traballos científicos e libros publicados, sendo tamén coordinador do Máster en Dirección e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. Como investigador ten afondado en temas como as certificacións de calidade, as novas tecnoloxías na empresa, o sector galego da construción, o risco financeiro ou a relación entre empresa e provedor. O novo titular de Educación estaba adscrito ás comisións de Facenda, Economía, Educación e Ciencia e Investigación e era voceiro nacional do PP de Universidades.
Toda esta experiencia seralle de grande utilidade para enfrontarse á tarefa que agora deberá desenvolver ao fronte da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior como un dos maiores retos do seu mandato.