DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A nova estrutura contempla a eliminación de seis áreas, así como a reordenación de competencias

O novo Consello de Goberno aproba na súa primeira sesión a redución e reorganización de cargos académicos

56 membros integran o órgano de goberno da Universidade que hoxe quedou constituído

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mªdel Carmen Echevarría DUVI 26/07/2010
Os 56 membros do novo Consello de Goberno da Universidade de Vigo estreáronse este luns á fronte do Consello de Goberno con dúas sesións, unha extraordinaria e outra ordinaria, nas que ademais de producirse a constitución do órgano de goberno, procedeuse á aprobación da reorganización de cargos académicos que se traducirán, explicou o reitor, “nunha reformulación na que se actualizan as denominacións froito dos cambios derivados da reorganización de competencias, así como nunha redución no seu número e no inicio dun proceso de profesionalización”. O número de áreas pasará de 29 a 23, a pesares da creación dalgunha nova como é o caso de Emprego, mentres que no caso dos comisionados o reitor confirmou a incorporación de dúas novas figuras como son o de Coordinación Interna, cargo que será ocupado por Ana Graña e o de Novos Proxectos.

Aínda que a proposta contou finalmente co respaldo do Consello de Goberno, desde as filas de Nova Universidade, así como por parte dos representantes do PDI, PAS e estudantes, puxéronse de manifesto dúbidas en torno ao futuro de servizos como o de Publicacións, así como críticas por un modelo que segundo afirmo Jaime Cabeza “engorda o equipo de goberno ao incluír un número maior de comisionados, aínda que se reducise o de vicerreitorías”. A pesar das súas críticas o voceiro de Nova Universidade felicitou ao reitor polo “esforzo de redución do aparato burocrático”, unha estratexia que dixo, “compartimos totalmente”.

Reorganización dos cargos académicos

Actualización das denominacións, froito por unha banda da supresión e por outra polos cambios introducidos na súas competencias; redución do número de áreas pasándose de 29 a 23 e inicio dun proceso de profesionalización para que o se contará co persoal propio de administración de servizos (PAS) da Universidade nos postos de responsabilidade. Estes son, segundo explicou o reitor Salustiano Mato, os aspectos básicos da reformulación de cargos académicos que hoxe propuxo ao Consello de Goberno que lle deu o seu apoio. Así, Estudos de Grao e de Posgrao; Centro de Linguas e servizo de tradución; Emprego ou Descentralización, son algunhas das novas direccións de área das que disporá a institución académica que pola contra deixará de contar con direccións de área de Adaptación ao EEES; da Oficina de Software Libre; Comunicación ou do CITI. “Isto é un primeiro axuste”, asegurou o reitor que afirmou que se trata dunha reorganización “estrutural”, e que é intención do equipo de goberno continuar a redución e a profesionalización de servizos como a Oficina de Relacións Internacionais ou o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Desde as filas de Nova Universidade, o seu voceiro, Jaime Cabeza, agradeceu “o esforzo” de redución operado polo equipo de goberno que dixo “vai polo bo camiño”. Unha estratexia que dixo “compartimos totalmente porque é lóxica”, dixo Cabeza que tamén destacou como moi positivo que se recoñeza o labor do PAS. Sen embargo, Cabeza criticou que se pretenda aumentar o número de comisionados, “que teñen o mesmo rango que os vicerreitores” dixo, e que deberan ser figuras transitorias. “Non se reduce o equipo de goberno, senón que se incrementa”, dixo Cabeza que acusou ao reitor de agochar a verdade cando explicou a súa estrutura de goberno. Na súa réplica o reitor rexeitou a acusación de Cabeza, asegurando que se mantén o número de comisionados e que en conxunto “a nova estrutura de dirección e xestión sofre unha redución dun 43%”.
A extinción da dirección de área do Servizo de Publicacións foi obxecto de varias cuestións formuladas por representantes do PDI, PAS e estudantes que expresaron a súa preocupación polo futuro dun servizo que de xeito unánime solicitaron que se reforce. Na súa intervención o reitor reiterou que “non se trata de eliminar un servizo, senón un cargo de libre designación”, ao tempo que confirmou a súa intención de impulsar o servizo.

Ademais da reorganización de cargos, o Consello de Goberno aprobou na súa primeira sesión baixo o mandato de Salustiano Mato o nomeamento de representantes na Xunta Xeral de Accionistas de Cidade Universitaria e de Cidade Tecnolóxica, cargos que serán desempeñados polo novo reitor e vicerreitores en substitución dos seus antecesores no anterior equipo de goberno. A sesión deu luz verde a un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Universidade de Fortaleza (Brasil) para o intercambio de estudantes e nela tamén se abordou o informe previsto no artigo 75 dos Estatutos sobre o nomeamento do novo xerente, Manuel Fernández Jauregui.

Constitución do Consello de Goberno

Previa á celebración da primeira sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrouse unha xuntanza extraordinaria de constitución do órgano de goberno na que quedou definida a súa composición. En total serán 56 os membros do Consello de Goberno do que formarán parte ademais do reitor; a secretaria xeral e o xerente; 15 membros designados polo reitor, entre os que se atopa todo o equipo de goberno; vinte membros elixidos polo Claustro, dos que dez so membros do PDI, oito deles doutores e doutoras con vinculación permanente á Universidade; oito estudantes e dous membros do PAS; 15 membros elixidos polo Claustro entre as persoas que desempeñan dirección dos centros, departamentos ou institutos de investigación e tres membros do Consello Social que non pertencen á comunidade universitaria.